O dedo e a lúa
¿Están as deputacións provinciais na axenda do debate político ou se mencionan só para obviar os problemas reais do sector público local galego? Porque eses problemas existen e concrétanse no minifundio municipal, na complexidade crecente das áreas urbanas e na debilidade institucional do municipio. Eses son, ao meu xuízo, os estrangulamentos básicos da nosa Administración local. As causas profundas que explican a súa decadencia. Os problemas ausentes ou silenciados. Por iso dicimos que fixar a atención nas deputacións, ignorando as deterioracións que xera un mapa municipal obsoleto ou os déficits na ordenación territorial, infraestruturas e servizos dos espazos urbanos, sería unha desorientación imperdoable.
Os municipios menores de 5.000 habitantes son 199 (63% do total) e neles reside unha poboación envellecida que representa o 17% da poboación galega. As provincias de Lugo e Ourense absorben o 70% desas entidades. Os municipios con poboación inferior a 2.000 habitantes son xa o 28% do total. Como é fácil imaxinar, a capacidade organizativa e financeira destas entidades para xestionar competencias e servizos propios do século XXI é practicamente nula. Convivimos, pois, cunha articulación institucional en quebra que se reproduce en silencio por conveniencia política.
Utilizar as deputacións provinciais como distracción oportunista é comportamento que aflora carencias excesivas.
E outro tanto sucede nas áreas urbanas. Aplicar fórmulas de colaboración supramunicipal para afrontar os problemas derivados da concentración da poboación e actividade económica esixe primeiro deseñar e executar políticas de corte estrutural que respondan ao interese xeral do país (ordenación do territorio, infraestruturas, portos e aeroportos, protección do medio ambiente, etcétera), circunstancia que non só favorece a coherencia e encaixe das políticas locais, senón que propicia á súa vez a colaboración institucional para o seu desenvolvemento.
Por iso dicimos que as deputacións gobernadas por alcaldes e concelleiros distintos poden e deben realizar políticas alternativas ás convencionais. É a súa obrigación e responsabilidade. Xa sexa para reforzar a asistencia, cooperación e colaboración nos municipios máis pequenos, mellorando así a calidade e transparencia das políticas públicas, xa para participar activamente no desenvolvemento e benestar das áreas urbanas.
Mentres non se modifique a Constitución española e mentres non se afronten de verdade os problemas mencionados (minifundio, debilidade institucional do municipio e desarticulación urbana), é claro que as deputacións son máis materia pendente que obsesión errática.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.