..
A bicoca dos políticos municipais
.
Entre a miseria dos 2.500 euros por fillo e, por unha soa vez, para fomentar a natalidade e os soldos con frecuencia astronómicos dos nosos políticos municipais, transcorre a vida que poden observar en torno miles de mileuristas. Ligando o feito da opulencia económica de moitos corporativos coas dificultades que hai para reducir o número de municipios, enténdese perfectamente a opinión interesada dalgúns beneficiados porque se manteña a situación.
Á propósito dos 126.000 euros anuais de soldo que se fixou, con aquiescencia dos seus compañeiros de pleno, o alcalde de Mijas, produciuse un certo escándalo que se saldou coa dimisión do rexedor, de adscrición socialista. O problema segue en pé, porque as corporacións regulan os seus propios soldos e moitas veces os seus actos aparentan non ser outra cousa que a repartición da tarta. Resulta de asombro que o acordo inicial sobre retribucións nunha gran cidade galega incluíse cinco asesores e catro administrativos para o grupo da oposición, de xeito evidente absolutamente innecesarios.
É difícil dilucidar, se consideramos a autonomía municipal, como darlle saída digna a este problema. Non fai moito, a Federación Asturiana de Concellos reclamaba unha lei autonómica para abordar un escalado salarial. O Goberno Zapatero non se atreveu por agora co asunto e veremos se o fai Elena Salgado, na nova Lei de Bases que ten en proceso de elaboración no seu ministerio. A fórmula que acaba de propor Esquerda Unida é un pacto de todos os partidos, que limiten os soldos, e que debería estender a transparencia a criterios sobre concorrencia de ingresos, dietas e, quizá, nomeamento de persoal non funcionario.
Parece boa a fórmula das hostes de Llamazares, porque, ademais de atallar un problema, enviaría á sociedade a mensaxe de que os partidos, en contra dalgunhas das súas accións habituais, queren transparencia e rigor na vida política.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.