A Unión Europea detecta irregularidades nas canteiras do Courel
.
Catro concesións de explotación de lousa no Courel incumpren varios artigos da normativa sobre a protección do medioambiente que teñen que acatar todos os estados membros. A Comisión das Comunidades Europeas mandou unha carta ao goberno español na que solicita información sobre a aplicación de tres directivas comunitarias (85/337/CEE, 92/43/CEE e 97/11/CEE) que protexen os espazos de especial valor ambiental dentro do territorio europeo. O Courel forma parte da Rede Natura 2000. A Comisión percibiu o incumprimento de varios artigos logo dunha investigación iniciada no ano 2005 por mor das denuncias de ecoloxistas e veciños da zona sobre a "proliferación indiscriminada de canteiras".
O Goberno ten dous meses para "remitir as súas observacións" sobre un informe elaborado pola Comisión das Comunidades Europea que reza que "o Reino de España incumpriu as obrigacións que lle incumben". Segundo esta institución, a autorización das canteiras de lousa ao descuberto no Courel fíxose en precario. Os informes de impacto ambiental non recollían medidas correctoras para salvagardar o interese ecolóxico da zona.
.
.
Tribunais Europeos
.
Se a resposta do Goberno non fose satisfactoria, a Comisión de Comunidades Europeas podería pasar a un ditame motivado con outros prazos, segundo fontes deste organismo. En casos extremos, o Estado Membro pode ser levado diante dos Tribunais de Xustiza Europeos e condenado a devolver as axudas económicas que recibiu.
As canteira do Lugar de Interese Comunitario (LIC) Ancares-Courel nas que a Comisión sinalou irregularidades son catro. A Campa, autorizada pola Xunta en xuño de 2007 cando xa fora advertida pola Comisión Europea; a Ilusión Fracción Segunda, outorgada no 2006, aínda sen explotar; e as dúas fraccións de Culpa II, na cunca do río Lor e tamén sen explotar.
O pasado 13 de maio, a Xunta aprobou a Lei de Ordenación da minería de Galicia. Con ela, o Goberno e o Parlamento habilitaron o instrumento necesario, segundo SOS Courel, "para encher a zona de canteiras, agora que a lousa entrou en crise por culpa da baixa na construción e a entrada de China e Brasil no mercado da lousa".
Ningún comentario:
Publicar un comentario
-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.