xoves, 19 de xuño de 2008

O VERTEDOIRO SUBMARINO

Retiran 11 toneladas de lixo do fondo da ría de Ferrol
.
O mar é o vertedoiro do mundo. Todo o que verte cada cidade en cada río ou en cada monte, acaba aquí". Así o asegura José Luís Rodríguez Domínguez, directivo de Asoar-Armega, a Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia. As once toneladas de lixo extraídas do fondo da ría de Ferrol danlle a razón. Coa axuda económica da Xunta, material e medios cedidos polo Concello de Fene, e o traballo voluntario dunhas sesenta persoas, entre mergulladores, mariscadoras e veciños, a entidade Asoar-Armega celebrou onte en Barallobre (Fene) as III Xornadas Limpando a nosas rías.
Lavadoras, bicicletas, bidóns de plástico, montañas de neumáticos e ata un coche teñen na ría de Ferrol o seu particular e inesperado cemiterio. O vehículo foi localizado e balizado polos mergulladores cerca do peirao de Maniños aínda que non foi retirado "por falta de visibilidade", explica Rodríguez. Outra sorpresa maiúscula foi toparse cun tronco de 30 metros no medio da ría ferrolá. Tiveron que cortalo en tres partes para poder izalo cos guindastres.
O presidente da entidade, Ernesto Rivero, conta que a iniciativa naceu fai un ano en Corcubión "para concienciar á xente de que o mar non é un vertedoiro colectivo".
Pasaron por Camariñas e desde entón traballan para exportar este proxecto a todo o litoral galego. Onte recalaron en Barallobre e elixiron "o tramo máis sucio". Case un quilómetro de costa na cara sur da ría entre a ponte das Pías, os diques da antiga Astano e a planta de gas de Mugardos, particularmente castigado polas instalacións industriais da zona. Durante cinco horas, entre as nove e as dúas, quince submarinistas e unha ducia de embarcacións grandes e pequenas e máis de 40 voluntarios, entre eles o alcalde de Fene, Iván Pontes (PSdeG) afanáronse en localizar e extraer os residuos do fondo do mar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.