Vou ser sincero. Cada día me apena máis escribir sobre a Ría. Levamos anos intentando chamar a atención sobre a necesidade urxente de intervencións para polo menos manter, senón mellorar, a calidade ambiental da Ría e non conseguimos nada. Moita declaración política do que se vai a facer. Pero facer, facer, case nada.
Soa a un pasito p´alante e outro p´atrás. Bo, son máis os que damos p´atrás. E a realidade é túzara.
Non hai depuradora. A que hai é como un chiste de Chiquito da Calzada. Ademais, resulta que se nos informa de que hai aínda moita porcallada xerada que se vai á Ría sen pasar pola depuradora que temos. Acábo de ler. Recentemente, un concelleiro do goberno municipal recoñeceu que preto da praia de Sámil -onde cada ano ondea a bandeira azul-, un gran bloque de apartamentos edificado en 1967 segue sen estar conectado á rede municipal de saneamento.
O Lagares, que tamén desemboca na Ría, malvive con verteduras diarias. Segundo o Concello, nos seus 19 kílómetros, o 56% das fábricas, carece de licenza de actividade e de autorización de vertedura. O Concello descoñecía ata fai ben pouco o número de fábricas instaladas na zona . Loxicamente tampouco se sabía o que vertían ao río. A verdade é que con multas de 90 euros podíase facer calquera cousa. Agora van subir as multas aínda que tampouco me sorprendería que houbese unha moratoria ou amnistía polo da "crise".
A cousa non para aí. Segundo a prensa "canalla" os portos vertieron 1,4 millóns de metros cúbicos de lodos xunto a Sálvora, (42º24´30"N e 9º02´30"W). Menos mal que o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Paz, despois do rexeitamento que provocou entre ecoloxistas e confrarías de pescadores a elección desa zona como destino das verteduras, renunciou ao depósito dos lodos do Berbés en Sálvora. A verdade é que visto o visto e seguindo a "tendencia", podían depositalas na praia de Samil. Total seguro que era limpa...
Menos mal que a Unión Europea arquivou o expediente sancionador aberto contra España pola contaminación das augas dedicadas á cría de moluscos na Ría de Vigo que suporía o pago dunha cuantiosa multa. Francia está pagando unha sanción europea de máis de 50 millóns por un caso similar. O plan, cun calendario determinado, incluía novas depuradoras, mellora das existentes e saneamento de núcleos rurais. O orzamento do plan é de 209 millóns de euros. A estes hai que sumar os 180 millóns (80 máis do previsto) para a nova depuradora de Vigo, a instalación crave para limpar a ría e que segundo o compromiso da Xunta funcionará no primeiro semestre de 2011. Que se fixo?
E así podiamos continuar falando do defunto e nunca resucitado Observatorio Ambiental da Ría de Vigo e de tantas outras cousas que habería que facer e non se fan.
Gocen da Ría mentres poidan. Porque agora vena pero, mañá?
.
Antonio Figueras
Ningún comentario:
Publicar un comentario
-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.