venres, 18 de setembro de 2009

A ACUICULTURA INDUSTRIAL EN GALICIA: FEIJOO AO QUE DIGA PESCANOVA

ADEGA quere expresar o seu profundo malestar polo xeito e o modo despótico de conducirse do Sr. Feijoo e da Conselleira do Mar Sra. Quintana e anuncia que atoparanse de fronte con novas protestas de veciños e ecoloxistas nas ubicacións que destrúen os hábitats naturais protexidos e perxudican aos veciños.
Para ADEGA, a decisión de voltar a Touriñán supón un trato discriminatorio que non soluciona os problemas xerais do Plano Acuícola e unicamente constitúe un remendo elaborado en base aos intereses partidistas do Goberno, pensando que así evitará as protestas e non realmente a razóns ambientais ou sociais.
Os espazos protexidos non son cromos que se podan intercambiar porque teñen valores naturais concretos, merecedores desa protección, e que hai que preservar na súa integridade. É o caso da piscifatoría de Rinlo (Ribadeo) que foi paralizada polo TSXG a instancias de ADEGA ao ocupar terreos na Rede Natura. Agora, o goberno Feijóo pretende volver a violar a legalidade e servirlle a Péscanova en bandexa outro espazo protexido.
A destrución dos hábitats, a contaminación das augas, a destrución de postos de traballo no marisqueo, na pesca de baixura e no turismo, son efectos adversos constatados repetidas veces que perxudican ao medio natural e ao interese público provocados pola acuicultura industrial.
Por estes motivos ADEGA anuncia que interporá os recursos xudiciais necesarios para garantizar a participación cidadá en proxectos de relevancia ambiental como así consta na Lei 27/2006 de información ambiental do estado español que emana da transposición das Directivas Europeas 2003/4/CE e 2003/35/CE, de obrigado cumprimento para todos e cada un dos estados membros.
Temos que recordar que o plan acuícola de 2005 carece de Avaliación Ambiental como recoñece a sentenza xudicial 00062/2009 do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
A Xunta de Galiza pretende reformar o Plan de Acuicultura a golpe de decreto, e non froito dunha negociación e reflexión, seria e consciente.
Dende ADEGA tamén queremos dirixirnos moi sinceiramente ás empresas que promoven a acuicultura en Galicia e comunicarlles que a inseguridade ambiental só xenera inseguridade xurídica.
Isto significa que as empresas que queiran desenvolver a súa actividade con garantías de futuro deberán facelo dacordo coa lexislación vixente en materia ambiental o cal inclúe o respeto polos hábitats naturais e o dereito de participación pública e información sobre proxectos que afecten ao medio ambiente.
O goberno galego equivócase se pretende reformar de novo o plan acuícola sen escoitar á sociedade galega e ás entidades que defenden o medio natural galego.
O procedemento máis lóxico e máis xusto é abrir unha mesa de negociación con todos os sectores implicados para chegar a solucións de consenso que permitan o futuro do sector e o respecto ao medio natural.
As solucións que pretendan modificar parcialmente o Plano Acuícola sen abordar os problemas reais que xenera só atoparán inseguridade xurídica e, que Feijóo e Quintana non o dubiden, forte contestación social, tal como aconteceu co proposto por Touriño e Gallego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.