sábado, 19 de setembro de 2009

A CAPA DE OZONO RECUPÉRASE LENTAMENTE

Non chegará ao nivel de 1980 ata 2075. Os primeiros datos mostran que a destrución comezou antes do usual.

A capa de ozono rexistra "unha progresiva pero lenta recuperación" polo que haberá que esperar ata 2050 para alcanzar os niveis anteriores aos anos oitenta, perspectivas que aínda son máis pesimistas na área antártica, onde non se chegará a eses valores ata o período 2060-2075.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), pertencente ao Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, fixo públicos estes datos coincidindo co Día Internacional para a preservación da capa de ozono, que se celebra o 16 de setembro, baixo o lema "Participación universal: a protección do ozono unifica ao mundo".
Este día conmemora a firma en 1987 do Protocolo de Montreal co obxectivo de eliminar as sustancias destrutoras de ozono, principalmente as coñecidas como CFCs e Halones, así como o de incluír novos compostos causantes desa destrución.
Aínda que o Protocolo cumpriu os seus obxectivos, a Aemet explica nun comunicado que debido a que o tempo de permanencia deses compostos na atmosfera é moi longo, os seus efectos perdurarán por moito tempo, e a recuperación dos niveis de ozono será moi lenta. Ademais, prevese que durante os próximos vinte anos continúen formándose buracos de ozono de similar intensidade á dos últimos anos.
Previsión da evolución do buraco
En canto ao buraco de ozono do ano 2008, alcanzou a súa máxima extensión o 12 de setembro cunha superficie de 27 millóns de quilómetros cadrados (algo maior que a extensión de América do Norte).
Esta extensión é maior que a do ano precedente pero menor que a do 2006, cando se produciu a maior extensión do buraco de ozono obtida ata a data (29 millóns de quilómetros cadrados). O ano 2008 figura como o cuarto ano en cantidade e extensión de ozono destruído desde 1999, segundo datos da Aemet.
En canto ao buraco de ozono antártico de 2009, os primeiros datos mostran que a destrución comezou antes do usual, debido a unha disposición da masa de aire antártica menos concéntrica que outros anos, pero máis elongada, o que fai que estea máis exposta aos primeiros raios solares.
A expensas de que a chegada do sol á Antártida despois do inverno austral acelere a destrución de ozono, é prematuro dar unha previsión da evolución do buraco, aínda que a extensión permanece moi similar á do ano pasado.
A Aemet contribúe á vixilancia mundial da capa de ozono en tempo real a través da rede de espectrofotómetros instalados na Coruña, Madrid, Zaragoza, Murcia, Izaña (Tenerife), Santa Cruz de Tenerife e O Arenosillo (INTA, Huelva), e mediante a realización semanal de ozonosondeos nas estacións de Madrid e Santa Cruz de Tenerife.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.