martes, 23 de marzo de 2010

A ROLDA POLAS COVAS DO FOLÓN

A nova difundida na prensa do achado de restos de Mulier sapientisima no Courel (definitivamente non é Homo sapiens ) trae unha vez máis á actualidade que no Courel está a memoria de Galicia. Esa parte de Galicia tan maltratada quer os seus habitantes quer o seu patrimonio científico e cultural (que é de toda Galicia) demostran que a nosa terra segue a ficar abandonada á súa sorte. Galicia é apenas un lugar para vender a prezo de saldo: auga, vento, louseiras, minaría, etcétera, son todo un símbolo do que somos para os nosos dirixentes, máis preocupados en fabricar a Galicia irreal do Gaiás que en preservar a Galicia real.
Mais aínda admitindo a importancia dos últimos achados do Courel, as informacións recollidas polos medios non deixan de ser incompletas. O que agora aparece non é máis que a parte externa dun grande iceberg. Nos últimos 30 anos, o Instituto Universitario de Xeoloxía da Universidade da Coruña ten desenvolvido un traballo de investigación continuado en toda Galicia para recuperar a súa memoria histórica. Os achados do Courel son apenas unha parte desa historia, aínda que axude a entender moito mellor o conxunto. Por exemplo, en Vigo, a cova do Folón, descuberta polo Club Espeleolóxico Mauxo, e despois estudada en colaboración co Instituto Universitario de Xeoloxía, vén demostrar que a presenza humana en covas non se limita ás zonas de calcarias do Courel e que tamén en zonas graníticas hai covas que foron habitadas ininterrompidamente por Mulier sapientisima dende hai 10.000 anos. A ironía é que se o Courel está ameazado polas louseiras que os nosos desleigados dirixentes permiten, O Folón está igualmente ameazado, neste caso pola construción da terceira rolda do Gran Vigo.
Tal parece que Galicia é algo para facer paté, onde se mesturan as desfeitas do noso patrimonio natural, medioambiental, cultural, científico e humano, ficando o resultado para a súa venda ao mellor postor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.