Todo está aparentemente listo para que Tui conte ao fin cun Plan Xeral de Ordenación Municipal. Todo, excepto un pequeno detalle: unha urbanización da inmobiliaria do alcalde da localidade. A actuación, coñecida como Patazumba, consiste na construción de máis de 300 vivendas promovidas por unha empresa do rexedor, Antonio Fernández Rocha, do PP. Aos requirimentos da Xunta, que obriga a respectar un hórreo centenario situado no corazón dos terreos, o Concello tudense replicou cun informe que asume outras observacións da Administración autonómica, pero non a que afecta ao hórreo, e xa que logo ao negocio do alcalde, apoderado da promotora Provitui, propiedade do seu fillo. Ademais dos problemas administrativos, derivados da protección do hórreo de Patazumba e dunha casa anexa, o proxecto inmobiliario de Rocha enfróntase tamén aos xudiciais, despois de que a Audiencia de Pontevedra paralizase a obra en xaneiro de 2007. Ao propio alcalde impútanselle, entre outros, delitos urbanísticos e contra o patrimonio histórico, pero Antonio Fernández Rocha e Provitui insisten en defender unha actuación da que depende a saúde económica do grupo empresarial. Nun informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, de xaneiro de 2009, rexeitábase a proposta do Concello tudense de trasladar o hórreo, "dada a súa singularidade". Trátase "dun dos máis destacados de Tui, xa que consta de sete pares de pés". E, de acordo coa documentación de Patrimonio, "debe quedar vinculado á casa e á leira á que pertence", para protexer así o seu "valor cultural". O informe da Xunta establece outras observacións ao Plan Xeral, todas elas incorporadas excepto a que afecta ao hórreo, que segundo Fernández Rocha daría ao traste co Plan Especial Integrado 5, o da súa inmobiliaria. O concello acaba de contestar á Xunta con outro informe no que replica que o mantemento do hórreo suporía "un impacto de gran magnitude na ordenación do Plan Xeral". Tamén alega que "faría inviable" un eixo e unha intersección viarios, pero o substancial vén a continuación, cando advirte de que se trastorna" así unha ordenación en curso de execución -en realidade, paralizada xudicialmente-, "coa obrigación de abordar as indemnizacións previstas" aos propietarios. Isto é: á empresa de Fernández Rocha e o seu fillo, que anticipan así a súa intención de pedir unha reparación económica no caso de ter que renunciar á urbanización nas condicións previstas. E as condicións non eran precisamente leoninas. A empresa comprou a leira principal do solar, de 6.000 metros cadrados, por 1,7 millóns de euros en abril de 2003, e completou así total de 14.648 metros cadrados. Catro meses máis tarde, en pleno agosto, o Concello recalificou o terreo, para permitir o dobre das alturas autorizadas nas demais urbanizacións da zona. Unha denuncia da fiscalía á xuíz permitiu paralizar as obras, que comezaran sen licenza. Rocha intentouno de novo con dous plans xerais sucesivamente anulados pola Xunta, un deles polo entón conselleiro de Política Territorial Alberto Núñez Feijóo. A leira Patazumba é agora o último obstáculo para obter o visto e prace da Xunta ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, mentres o concello tudense segue rexéndose polas normas subsidiarias de 1994. Fernández Rocha mantén unha relación directa ou a través do seu fillo con sete inmobiliarias e construtoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.