venres, 30 de decembro de 2011

A LEI DO EMBUDE

Resulta evidente que ao presidente da CEOE, Juan Rosell, sentoulle ben a vitoria do Partido Popular. Véselle cómodo, satisfeito, locuaz, ata diría que dicharachero. Fala con franqueza, sen necesidade de medir o que di, sen andrómenas. E así nos estamos decatando, de forma moi directa, das pretensións da patronal española. Empezou cos minijobs, os minitrabajos de 400 euros como unha das solucións ao paro xuvenil. Señor Rosell, contratos lixo é xusto o que neste país non nos falta, témolos de todos os tipos e cores, ata se traballa sen cobrar, ¿parécelle pouco minijob iso? E aínda así crece o paro xuvenil.
Logo viñeron os funcionarios, aos que hai que poder despedir pois sobran moitos. Non estaría de máis que concretase onde sobran. ¿Na educación? ¿Na sanidade?
Intentei buscar nas súas declaracións algunha alusión aos empresarios que sobran, mellor devandito que desfalcan, como os xestores de NovaCaixaGalicia ou da Caixa do Mediterráneo. Pero non o atopei. Os centos de millóns que se levaron logo de arruinar as súas empresas merecerían un comentario do presidente da patronal. E, para rematar, a conxelación salarial ata 2015. ¿Conxelación tamén do soldo dos executivos? ¿Conxelación dos beneficios empresariais?
Fálase moito da importancia dunha reforma laboral en España, pero o que este país necesita é unha profunda reforma empresarial
.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.