mércores, 1 de febreiro de 2012

PROCLAMA

Aínda me tremen as tabas. Recoñezo que oír á súa Maxestade, Don Xuan Carlos I, dando receitas para reflotar a economía europea (e, polo tanto, a española) fíxome chorar. Si, de emoción; e non o digo de coña. De forma serena, con sagaces razoamentos: zis-zas, en só catro frases, deixouno pulido e para vernizar. ¡Por fin, poderemos prescindir dos sabios do Goberno! Montoro e De Guindos, poderán irse ás súas casas. Rajoy, de momento, non; pero todo andarase. ¿E que dicir da Merkel e Sarkozy? Os Vexo sachando remolachas no Magreb. Eses non teñen puta idea, e non son máis que uns sacamantecas do tres ao cuarto.
O mesmo podería aplicárselles aos representantes sindicais de sempre e aos da CEOE. Todos eles deberían ser xulgados por incompetentes (non me refiro á capacidade dos xuíces, senón á súa propia incompetencia), se se atopa algún xuíz que senta competente para o caso.
Con estes asuntos hai que andarse con coidado. Xa ven o que lle ocorreu ao xuíz Garzón: visto como incompetente para xulgar os crimes do franquismo por outros xuíces que se autoconsideran incompetentes para xulgar os crimes do franquismo, porque ningún sentiuse, nunca, competente para xulgar os crimes do franquismo. ¡Hai que botarlle collóns! Á frase e aos xuíces. Vista a capacidade do Rei, que é o leite de competente en todo, propoño que sexa nomeado Rei de Europa e solucione todo este batifondo. Dixen, nenos. J.L.Patiño

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.