sábado, 3 de marzo de 2012

NON ME TOQUEN A SANIDADE

Se esta sociedade non pode pagar unha sanidade que custa o 6,8% do PIB terá que recurtar noutras frontes.
Semella que algúns non entenden o éxito do noso sistema de sanidade pública (o sexto máis eficiente do mundo xa que só inviste no sistema o 6,8 por cento do PIB), propoñendo copiarmos os modelos USA (que inviste na súa sanidade máis do 14 por cento do PIB, malia que exclúa máis de 50 millóns de persoas por non poder pagar un seguro privado) ou inglés (moi mellorado por Tony Blair logo de que a dereitista Thatcher destruirá a boa sanidade británica dos anos 70 do século pasado).
É evidente que hai marxe para xestionarmos mellor a sanidade, nomeadamente no axeitamento do gasto farmacéutico (a praxe política de Nelson Mandela concienzounos da necesidade de potenciar os xenéricos e recurtar o poder da industria farmacéutica) e nunha mellor administración dos recursos.
Mais non o hai para recurtar soldos, aumentar xornadas ou reducir as prestacións, reducindo os tempos de asistencia e de hospitalización cando iso arrisque a saúde dos doentes ou aumentando o tempo de agarda para as intervencións cirúrxicas, mesmo a medio de trucos trampulleiros de listaxes “B” como fixo no noso País a antiga conselleira Farjas.
Porque detrás do esforzo por presentarmos a sanidade pública como cara, ineficiente ou un luxo que non podemos aturar están determinados operadores económicos que tentan aproveitar a súa demolición para facer negocio ofrecéndonos os seus servizos. O que non prexudica que a iniciativa privada complemente a oferta sanitaria, mais sempre dende a defensa da asistencia universalizada e de calidade.
Porque, miren vostedes, se esta sociedade non pode pagar unha sanidade que custa o 6,8 por cento do PIB terá que recurtar noutras moitas frontes: Deputacións, senadores de elección provincial directa, Delegados e Subdelegados do Goberno, gasto militar(o que non podemos pagar é un Exército de seu en cada un dos Estados europeos ) e da Casa Real… Mais non me toquen a sanidade pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.