sábado, 9 de xuño de 2012

A SAÚDE COMO NEGOCIO

Veño de ler o excelente estudo “A saúde como negocio”, coordinado polo doutor Pablo Vaamonde, que foi vicepresidente do Colexio Médico coruñés e Director Xeral de Asistencia Sanitaria no pasado goberno galego de coalición. O traballo estuda o discurso dominante da dereita a prol dunha suposta e inexistente ineficiencia da sanidade pública, cando no Estado español “a porcentaxe do PIB destinada á saúde é das máis baixas da contorna e a pesar diso os indicadores sanitarios son dos mellores do mundo”, amáis de xerar moito emprego e tecnoloxía inducidos.
Mesmo especula coa posibilidade de que o Partido Popular aposte por intensificar a política privatizadora, ao estilo da desenvolvida pola Margaret Thatcher nos anos 80 do século pasado (que case desfai a sanidade pública británica, aguniante até o forte pulo renovador de Tony Blair) ou pola líderesa extremista Esperanza Aguirre en Madrid, onde constrúen todos os novos hospitais a medio do financiamento privado.
O equipo de expertos médicos galegos coordinada polo doutor Vaamonde analiza tamén os graves inconvenientes do sistema de financiamento privado para o sector público, pois que as infraestruturas adoitan resultar con este sistema o triplo de caras en último de contas, ademais de sacrificar o interese público dos investimentos aos intereses privados. Tamén advirte da necesidade dunha xestión máis eficiente dos recursos, sinalando como frontes de redución racional sen deterioración do servizo o gasto farmacéutico, a potenciación da asistencia primaria e mais a racionalización da prescrición de probas diagnósticas.
Os expertos advirten de que o copagamento de determinados servizos é absolutamente inxusto por supór un imposto sobre a doenza. A sanidade ha ser financiada con impostos e á sanidade privada cumpriralle un importante papel, malia que complementario ou subsidiario da sanidade pública. Porque sen sanidade universal de calidade non haberá xustiza, cohesión nin inclusión social.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.