O que está facendo o gabinete de Rajoy non é gobernar, senón desmontar, un por un, os dereitos e liberdades que cimentaron o espírito da Constitución de 1978
¿Foron felices este verán? Espero que si, porque a memoria desa felicidade vai resultar imprescindible nos próximos meses. E non crean que invoco as tebras do outono para chamarlles á resignación ante o rescate inevitable. Propóñome animarlles a facer máis ben o contrario.
Os taurinos saben que un touro manso é máis perigoso que un bravo. Os afeccionados ao boxeo, que a reacción dun púxil acurralado pode ser máis violenta que a do seu rival. Este goberno manso, que está contra as cordas, non só ilustra admirablemente estas metáforas, senón que ademais, e iso é o máis grave, desborda con fartura o mandato que recibiu nas urnas. Unha maioría absoluta xamais pode servir de coartada para minar o consenso democrático, fulminando por decreto as bases dunha convivencia acordada pola maioría dos españois. Por iso, o que está facendo o gabinete de Rajoy non é gobernar, senón desmontar, un por un, os dereitos e liberdades que cimentaron o espírito da Constitución de 1978.
Se entón os cidadáns foron chamados ás urnas para aprobar aquel texto en referendo, hoxe non poden asistir impasibles ao espectáculo da súa demolición, a mans dun goberno tan inepto como soberbio, que non só non se molesta en informarlles duns acordos que van empeorar as súas condicións de vida durante xeracións, senón que á vez intenta impedir por calquera medio que se difundan teorías contrarias ás súas. Esta crise, que é moito máis que unha conxuntura económica, só terminará cando ocupen o poder políticos capaces de facer política, e consultar aos cidadáns, respectar a súa opinión, é a primeira obrigación dun demócrata. Se Rajoy ten medo de convocar un referendo, debería dimitir, en lugar de embestir como un touro manso contra os cidadáns cuxos intereses debería protexer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.