luns, 17 de decembro de 2012

AS PENSIÓNS E A BANCA

Jose Castro López
O venres 30 de novembro, o mesmo día que o Goberno informaba de que non ía actualizar as pensións ao aumento da inflación, a última promesa, a "liña vermella" que Mariano Rajoy nunca ía traspasar, avanzaban os xornais a noticia de que Facenda elimina a taxa á banca que o Tribunal Constitucional acaba de declarar acorde á Carta Magna en Extremadura.
Di a información que o Goberno "pretende regular o imposto" "á banca que xa aplican Extremadura, Andalucía e Canarias" para evitar que outras autonomías implanten ese tributo". Para iso, o grupo popular no Senado presentou unha emenda á Lei Tributaria para crear un novo imposto estatal sobre os depósitos bancarios con "un tipo de gravame do cero por cento", é dicir, que non xera recadación.
Este imposto ligth anula a taxa rexional das comunidades citadas e impide que outras o implanten e, para maior asombro cidadán, o Estado terá que compensar ás comunidades que tivesen aplicado esta taxa antes do 1 de decembro de 2012 -é dicir, Extremadura, Andalucía e Canarias- polos ingresos que viñeron percibindo polo imposto que se anula. Compensación que sairá dos impostos de todos os españois. Esta "protección" á banca acontecía poucos días despois de que se coñecesen os miles de millóns de euros, que tamén pagaremos todos, que o Mecanismo Europeo de Estabilidade, MEDE, enviaba para o rescate os bancos por mala xestión, por desidia dos consellos de administración nos que se sentaron políticos e representantes sindicais e por renuncia de funcións do Banco de España, dos sucesivos ministros de Economía e dos responsables dos gobernos autonómicos.
Mentres se protexe á banca, o Goberno segue pedindo sacrificios aos españois con duras políticas de axustes e recortes que culmina agora co incumprimento da súa última promesa ao non actualizar as pensións ao colectivo máis desfavorecido que perde poder adquisitivo a cachón. Esta non actualización das pensións entraña máis gravidade en Galicia que ten as pensións máis baixas do Estado.
Estamos a asistir a un manifesto abuso de poder que carga todos os sacrificios sobre os máis débiles, xusto aqueles que nada teñen que ver coas causas da crise e cuxo único delito foi traballar e comportarse como cidadáns cumpridores das súas obrigas. Que teñen moito aguante, pero a paciencia tamén ten límites e iso debería sabelo o goberno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.