sábado, 26 de xaneiro de 2013

CORRUPCIÓN

Non é un feito illado. Non se trata de episodios de catro corruptos de andar por casa. A corrupción forma parte do sistema e instalouse entre nós. Aflora de cando en vez e, co tempo, ninguén lle pon remedio a pesar da urxencia da necrose.
Para iso, para que resida entre nós como a peste, debe ter aliados que axuden a que se instale comodamente nas institucións e nos costumes. O silencio, a profesionalización da política, a escasa transparencia, son os mellores socios dun sistema corrupto.
Os partidos cando calan, os cargos públicos e orgánicos, se miran para outro lado, son firmes aliados a que a gangrena e a necrose nos destrúa a todos. E digo ben: a todos.
Pasan os feitos de corrupción, como illados, sendo os percorridos informativos curtos e xusta a memoria. Parece coma se non fose máis que un episodio que se sucede, como a morte dun familiar, irremediablemente e cada certo tempo. Por iso o silencio é cómplice.
Os sobres de Bárcenas ben repartidos entre numerosos dirixentes do Partido Popular revelan o que moitos sospeitaran antes: a corrupción está instalada no corazón do sistema.
E a min dáme igual que suceda nun partido ou noutro.  Non foi allea a esquerda, como agora a dereita, do feito de que puidésemos vernos infectados desta miseria.
Por iso, aqueles que sinalan co dedo e confesan o " e ti máis", aqueles que ante a corrupción dos conservadores -longa na nosa historia- che contestan que os socialistas tamén tiveron episodios deste tipo, estes, digo, son tamén aliados da corrupción tratando de despistar o obxectivo de tirar ao mar da historia aos corruptos, veñan de onde veñan.
Os profesionais da política son aqueles que, como parasitos, viven no interior do órgano impedindo que os cidadáns participen na democracia. Non se trata de deostar a política, senón de facer políticos en cada unha das decisións públicas dos veciños.
A escasa transparencia é o medio polo que corruptos e profesionais se converten nos vividores da cousa pública. Non se pode mirar para outro lado, débese limpar a nosa democracia de sablistas da liberdade e de parasitos das institucións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.