venres, 1 de febreiro de 2013

OS CORRUPTORES

Viven tranquilos, porque os seus nomes, as súas fotos, nunca aparecen nos titulares dos diarios. Se acaso, cando casan algunha neta, na prensa do corazón.
A confusión é moi comprensible. A semana pasada, sen ir máis lonxe, coñecemos o caso dun tesoureiro que pretexta ter carecido de firma autorizada nas contas da fundación onde exercía o devandito cargo, e o dunha articulista que cobraba 3.000 euros por cada texto. Se o primeiro lles parece inverosímil, o segundo -dígollelo eu- é un puro argumento de ficción. Pero o ventilador que esparexe excrementos por todas as partes produce un singular efecto óptico. A lupa que agranda os obxectos situados en primeiro termo, desenfoca as figuras máis distantes ata lograr que pasen desapercibidas. Noutras palabras, as árbores non nos deixan ver o bosque.
Sabemos quen entrega os sobres e quen os recibe, pero nunca quen os enche. Os concelleiros atordados polas débedas fanse tan tristemente famosos como os intermediarios horteras que exhiben rubias tinguidas con medio quilo de silicona en cada mama, e parece que todo remata aí. Mentres tanto, os corruptores, elegantes e discretos, casados coas súas señoras de toda a vida, que disimulan as canas cunha tinguidura da súa cor, regan o xardín ao acecho doutra oportunidade. Viven tranquilos, porque os seus nomes, as súas fotos, nunca aparecen nos titulares dos diarios. Se acaso, cando casan algunha neta, na prensa do corazón.
Eles son o principio e o fin da corrupción, os pais do monstro que nos devora, pero ninguén se atreve a denuncialos. Está por ver que a xustiza sexa capaz de encher as esixencias da cidadanía, pero mesmo se investigase exhaustivamente as fortunas dos corruptos, as armazóns financeiras dos intermediarios, para producir sentenzas exemplares sen ir máis alá, non teremos conseguido nada. Os corruptores non tardarán moito en encontrar un político endebedado, a un vividor con bos contactos. E todo volverá empezar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.