mércores, 1 de maio de 2013

RAJOY CUMPRE

Manuel Rivas
Este Goberno, no produtivo e creativo, é van, desértico, inobservante
Despois de ano e medio no poder, existe a falsa idea establecida de que este Goberno só é competente á hora de incumprir. O seu programa, as súas promesas, a súa palabra. Acúsaselle de mentir, mesmo nas sagradas cifras do déficit. A sensación estendida é a de que cando non cala, mente. Pero aínda máis temibles son os seus silencios. Na historia, o silencio popular adoita ser o preludio dun estalido social.
Na España de hoxe, este silencio ruminante anticipa o motín do Goberno contra o pobo. O de Rajoy é un silencio ultrasónico e panóptico que empeza a causar tanta inquietude como Aznar lendo con lentes de sol na nova biblioteca Bush. É verdade, recoñéceno os propios votantes conservadores nas enquisas. Este Goberno, no produtivo e creativo, é van, desértico, inobservante. Pero iso é coherente coa doutrina. Responde á mutación do liberalismo nun estraño futurismo híbrido, o maoísmo thatcherista ou viceversa, que tanto marabilla á nosa comandante Zi Chuang Cospedal.
O importante non é a sociedade nin o Estado. O importante é quen ten o poder. O decisionismo. É o momento agora de falar da outra cara do Goberno e facerlle xustiza. Este Goberno incumpridor está a cumprir. E faino con eficacia entusiasta, sen complexos. Cumpre cunha xerarquía relixiosa estancada en Fray Vélez, o autor del preservativo da fe, cumpre cunha caverna instalada en Donoso Cortés, autor do Discurso da ditadura, cumpre cos ricos amnistiados pola súa patriótica repugnancia aos impostos, cumpre legalizando as construcións ilegais na costa, e abrindo paso á definitiva destrución paisaxista do litoral español.
Hai que ser ecuánimes. Aquí cúmprese. Escribe John Berger en Fama e soidade de Picasso: "España é un país atado a un poldro de tormento histórico". E aí estamos, cumprindo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

-Non se aceptan os comentarios con contidos, enlaces ou nomes de usuarios que se consideren insultantes, difamatorios ou contrarios ás leis españolas.
-Non se admiten comentarios de contido racista, sexista, homófobo ou discriminatorio por razóns de nacionalidade, sexo, relixión, idade ou calquera tipo de discapacidade.
-Non se admitirán os ataques nin insultos aos outros participantes no sistema de comentarios.
-Non se admiten comentarios con contidos ou enlaces que se consideren publicidade, spam, pornografía ou material protexido por dereitos de autor.
-Alternativa Veciñal resérvase o dereito a eliminar os comentarios que non se axusten a estas normas e as leis.
GRAZAS POLO SEU COMENTARIO.