sábado, 10 de febreiro de 2007

DECÁLOGO COLEXIO DE XEÓGRAFOS


Decálogo a favor do control público do urbanismo


.
Maior control público dos procesos territoriais e ordenación axeitada do solo, baseada na sustentabilidade económica, social e ambiental. Estes son os dous principios básicos defendidos no Manifesto por unha nova cultura do territorio, elaborado polo Colexio de Xeógrafos
MANIFESTO
1. O territorio é un ben non renovable, esencial e limitado. O territorio debe ser entendido como recurso, pero tamén como cultura, historia, memoria colectiva, referente identitario, ben público, espazo de solidariedade e legado.
2. O territorio é unha realidade complexa e fráxil. As actuacións con grande incidencia territorial (urbanización, obras, extracción de minerais, roturacións, forestacións) teñen consecuencias irreversibles.
3. O territorio contén valores ecolóxicos, culturais e patrimoniais que non poden reducirse ó prezo do solo. A propiedade do chan e a vivenda debe ser exercida con respecto da súa función social, e coa asunción plena da responsabilidade de potenciar a súa utilidade, valor ambiental e potencial paisaxístico.
4. Un territorio ben xestionado constitúe un activo económico de primeira orde. Dispor dunha contorna de calidade non só evita danos ambientais e de saúde, senón que tamén confire valor engadido ós produtos e ós servizos.
5. O planeamento territorial e urbanístico é un instrumento esencial para a actuación dos poderes públicos. Hai que defender a importancia da lexislación, a normativa e a xestión urbanística para o bo goberno do territorio. As administracións deben propiciar unha revalorización do planeamento territorial.
6. O planeamento municipal debe ter como principal obxectivo facilitar o acceso á vivenda, o goce dos servizos e a preservación do ambiente. Débese basear o crecemento urbano en criterios ecolóxicos e sociais, alén da simple consideración da oportunidade económica ou de ocasionais negocios particulares inmediatos.
7. O planeamento territorial debe prover acordos básicos sobre o trazado das infraestruturas, o desenvolvemento dos asentamentos e o sistema dos espazos abertos. Cómpre dispor dun planeamento a escala territorial que coordine e vincule o planeamento municipal, en prol dun novo modelo de urbanización, baseado no aforro no consumo de solo, a convivencia de usos e a cohesión social.
8. O Goberno central e as Cortes Xerais do Estado non poden desentenderse do territorio. Resulta imprescindible unha nova lexislación do solo que supere a visión estreita segundo a cal a vocación esencial do solo sería a súa urbanización.
9. A xestión do territorio debe atender ós compromisos de solidariedade e responsabilidade global.
10. O pulo dos valores de sustentabilidade ambiental, eficiencia económica e equidade social require dunha nova cultura do territorio.

Ningún comentario: