.
.
A urbe lanza ao ano á atmosfera 1,9 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro
As árbores de Vigo non poden con tanto fume. Non dan abasto. E non porque sexan poucos, que cada vez hai máis, senón porque a contaminación é moita. Confírmao o primeiro estudo elaborado en Vigo sobre a contribución da cidade ao cambio climático global, coordinado por Luís Espada, Valedor do Cidadán. E os resultados son como para tomarse as emisións de gases de efecto invernadoiro en serio, porque Vigo lanza cada ano á atmosfera 1,9 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2), unha cantidade grosa que adquire aínda maior dimensión se se compara con algunhas das industrias máis contaminantes de Galicia.
Como Ence, por exemplo. A contestada fábrica pontevedresa vomita cada ano polas súas chemineas 91.600 toneladas de CO2, unha cifra importante que se converte en ínfima se se pon á beira da que xeran Vigo e os vigueses que contaminan 21 veces máis que a aromática planta instalada xunto á ría pontevedresa.
A maior parte deses gases xestados en Vigo están directamente relacionados co consumo de enerxía eléctrica. Segundo detalla o estudo coordinado por Espada, máis da terceira parte das emisións de CO2 da cidade (o 36,3%) son froito de electricidade xerada fundamentalmente en contaminantes centrais térmicas. Aínda que hai outros factores que explican os excesos eléctricos. Como a escasa implantación na cidade do gas natural, unha fonte de enerxía limpa que contribúe a que os veciños de urbes como Barcelona ou Pamplona emitan á atmosfera case a metade de CO2 que cada vigués. Tamén ten que ver con iso o menor arraigamento do uso de transporte público, plasmado nun estudo da Universidade da Coruña que documenta que os vigueses son os galegos que máis utilizan o seu coche para desprazarse.
Pesca contaminante
A consecuencia directa desa actitude é que o tráfico orixina máis de 550.000 toneladas de dióxido de carbono cada ano, o 28% do total. E para rematar a faena, a actividade pesqueira provoca outro 15% das emisións, como consecuencia do uso de gasóleo nos motores dos barcos.
Con todo, o resultado final son 1,9 millóns de toneladas de CO2, que contribúen a un cambio climático que nos trinta últimos anos fixo subir as máximas de Vigo en cinco graos. Fronte a tanto gas, as árbores viguesas poden facer. Segundo Espada, apenas absorben 33,6 toneladas de CO2, é dicir, o 1,7%. Ou unha de cada 58, o 80% delas fixadas por piñeiros e eucaliptos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario