A Garda Civil investiga ao Concello do Grove por corrupción urbanística
.
O Grupo de Delitos Urbanísticos interrogou a funcionarios e levou documentación
.
A operación céntrase no caso de Raeiros e doutras urbanizacións con problemas legais
.
.
.
Moitas veces comparouse O Grove con Marbella polo seu urbanismo caótico e repleto de flagrantes ilegalidades a pé de praia que esnaquizaron unha das mellores costas de Galicia. A comparación gaña agora enteiros, xa que o recentemente creado Grupo de Delitos Urbanísticos da Garda Civil, formado tras o escándalo marbellí da operación Malaya, estreouse na comunidade abrindo unha investigación por presunta corrupción urbanística no concello arousán.
Axentes desta nova brigada policial irromperon o mércores no consistorio do Grove e esixiron que se lles entregase o expediente do caso Raeiros, unha polémica urbanización cuxa presunta ilegalidade foi reiteradamente denunciada polo Bloque Nacionalista Galego e cuxas obras foron paralizadas en xuño do 2006 pola Consellería de Política Territorial.
A investigación, que se centra na oficina do aparellador municipal, continuou onte no Concello. Varios funcionarios deste departamento foron interrogados sobre presuntas ilegalidades na construción de urbanizacións como as de Raeiros ou Borreiros e outros casos que suscitaron graves críticas da oposición contra o grupo de goberno, do PP.
A irrupción dos axentes provocou momentos de gran sorpresa e nerviosismo entre os traballadores da oficina do aparellador municipal. Onte as preguntas non foron só dirixidas aos funcionarios deste departamento do Concello, senón tamén a outros empregados municipais, aos que se interrogou sobre os seus compañeiros e por determinadas obras ilegais existentes no municipio.
Na investigación por corrupción urbanística aberta no Concello do Grove o caso Raeiros parece ser só a punta do iceberg. Este é un dos casos máis rechamantes dos existentes no municipio arousán. Xunto á praia de Raeiros, en San Vicente do Mar, apareceu unha mole de cemento que enseguida chamou a atención de veciños e partidos políticos.
As obras construíronse con licenza para apartotel, aínda que na práctica trátase de 52 chalés individuais e con leira privada e onde, de momento, non hai as zonas comúns características dos apartoteles.
.
Licenza de apartotel
.
Esta non é a primeira vez que ocorre algo parecido no Grove. No lugar de Ameiros, tamén en San Vicente, a empresa Praia Espiño construíu seis chalés con licenza unicamente para apartotel. O caso chegou ata o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que emitiu sentenza firme de reposición da legalidade vixente, é dicir, de demolición das vivendas.
Con todo, o Concello do Grove non chegou xamais a executar o mandato do alto tribunal, a pesar de que o asunto remóntase ao ano 1999.
O alcalde do Grove, Miguel Anxo Pérez, do Partido Popular, preferiu onte non facer declaracións sobre este asunto cando foi consultado
Ningún comentario:
Publicar un comentario