Veciños e ecoloxistas presentan mil alegacións contra o plan acuícola
.
Máis de 7.000 firmas de particulares apoian os escritos e solicitan que se retire o proxecto da Xunta
.
Inciden no carácter supramunicipal das piscifactorías e no impacto ambiental que causará na costa
.
As asociacións ecoloxistas Adega e Verdegaia, así como varias plataformas veciñais presentaron onte en Santiago máis de mil alegacións contra o plan de acuicultura da Xunta. Xunto aos escritos entregáronse máis de sete mil de firmas de veciños e agrupacións costeiras que apoian que se paralice o proxecto.
Adega sostén que Galicia non necesita fomentar esta actividade en terra, á vez que apunta que o plan da Xunta unicamente regula o 1,8% da actividade acuícola aínda que cun gran impacto ambiental. Aseguran, a Xunta non sabe cal é a composición dos residuos que van ao mar.
As súas argumentacións inciden en que se trata dun plan que só beneficia ás empresas transnacionales e critican que o Plan Sectorial de Acuicultura sexa «unha revisión do aprobado polo anterior Goberno» e que nel se manteña a cláusula de supramunicipal, o que consideran pode provocar problemas de xestión.
Verdegaia, pola súa banda, propón o traslado das factorías que afecten aos espazos naturais protexidos e aposta por que só se modernicen as as instalacións xa existentes.
Parte das alegacións presentáronse na delegación comarcal de Pesca en Ribeira, onde acudiu unha comisión de propietarios dos terreos na zona de Laxe Brave, en Corrubedo. Este lugar é, con 308.000 metros cadrados, o que maior superficie reservada para instalar unha piscifactoría. Os afectados apuntan que o departamento que dirixe Carmen Gallego utiliza a declaración de interese público do plan sectorial como subterfuxio para levar a cabo unha «monstruosa expropiación forzosa» na zona.
Os donos das leiras e veciños expón que no texto ignórase a existencia de Teira como núcleo de poboación máis próximo á instalación da granxa. Sosteñen que na redacción do plan non se recoñece que o proxecto está a 1.500 metros do complexo húmido de Corrubedo; que non se someteu á preceptiva avaliación de impacto ambiental e que ocupa unha zona de servidume de protección do dominio público.
Ante a protesta de onte, desde Pesca consideraron a actuación «inxusta», porque, sosteñen, quen agora se opón non o fixo contra o plan do anterior Goberno, «moito máis impactante».
Hoxe, último día para presentar alegacións, espérase que a cifra de escritos aumente.
Publicado na Voz
Ningún comentario:
Publicar un comentario