martes, 28 de febreiro de 2006

NON AO REFERENDO



O pleno veta o referendo do PXOM a un día do debate político decisivo
.
.
.
A abstención de Soto e o BNG fixo suficientes os votos do PP para anular a consulta popular.
.
O goberno vigués encara a etapa final da aprobación do novo PXOM co rexeitamento definitivo do referendo pedido polos colectivos opositores, que se produciu no pleno municipal de onte, e mediante a súa discusión na Xerencia de Urbanismo, que terá lugar na mañá de hoxe. A partir dese momento só restará a celebración de novas sesións en Urbanismo e no pleno para a súa aprobación formal e posterior remisión á Consellería de Política Territorial. Onte no pleno o debate discorreu polas canles marcadas a pasada semana na Xerencia de Urbanismo. O socialista Mauricio Ruiz defendeu a aceptación inicial da consulta popular á espera de que a Xunta decidise se legalmente era viable. Precisamente o argumento do goberno local, apoiado nun informe xurídico do secretario, é que o Plan Xeral é unha competencia compartida de dúas administracións, Xunta e Concello, e que non procede xa que logo unha consulta popular como a suscitada.
Desinterese
O PSOE, neste caso co acordo de Bloque e PG, constatou o desinterese do goberno local no asunto, quen nin sequera se preocupou de investigar se as 21.000 firmas que apoiaron a solicitude alcanzaban o 8% do censo, como establece o Regulamento de Participación Cidadá. Pese a esta coincidencia puntual, nacionalistas e galeguistas inclinaron a balanza coa súa abstención. Desta forma, os votos do PP derrotaron ao PSOE e o referendo quedou definitivamente na cuneta.
-Resolto este asunto, os grupos que apoian o PXOM (PP PG e BNG) e os socialistas que o rexeitan volverán hoxe a verse as caras nunha sesión da Xerencia de Urbanismo convocada de xeito extraordinario para debater o documento e presentar as conclusións de cada grupo político. A estas alturas non se esperan sorpresas unha vez que a vía do diálogo no seo da corporación atópase cegada.
-É posible que na reunión José Manuel Figueroa, concelleiro de Urbanismo, facilite por fin a data que se colgarán en Internet as respostas ás alegacions ao Plan Xeral. Posiblemente tamén informe das datas da súa aprobación no pleno e na Xerencia, que dependerán do avance dos traballos finais do documento por parte do equipo redactor de Consultora Galega.
Actividade opositora
Pese a que todo parece decidido, os grupos que se opoñen apuran tamén as suas bazas. Para mañá está previsto que Alternativa Veciñal, colectivo que se organizou a raíz da batalla dos opositores ao PXOM, presente o informe elaborado por un avogado urbanista sobre «a ilegalidade do novo Plan Xeral para Vigo».
-Á sesión plenaria de onte tamén acudiu un nutrido grupo de opositores ao plan que exhibiron as suas pancartas durante a sesión. En calquera caso, non se produciron incidentes de ningún tipo e a reunión celebrouse con normalidade.
La Voz

Ningún comentario: