Se antes da aprobación inicial do PXOM dicíamos que o Plan era insostible; a aprobación provisional, foi precedida pola nosa declaración de que o Plan Xeral non cumpre coa lei. Ambas afirmacións están baseadas en ditames independentes, serios e rigorosos, elaborados por expertos en medio ambiente e en dereito urbanístico A aprobación do Plan Xeral de Vigo é unha cuestión de estado. Se vivimos nun estado social, democrático e de dereito, o Plan Xeral de Ordenación Municipal é un Plan antisocial porque prexudica aos máis desfavorecidos ao ser un Plan que leva o xene da especulación no seu ADN. Carece de lexitimidade democrática porque conculca o dereito de participación social efectiva. E é un golpe ao estado de dereito, porque é un Plan que non cumpre a lei.O Plan Xeral non é un Plan Xeral, nin é de ordenación, nin é municipal. Non é un Plan Xeral porque carece de dotacións básicas e xerais. Non é de ordenación, senón que é de urbanismo, porque a construción indiscriminada é a súa única preocupación; e non é municipal porque non atende ás necesidades da maior parte do territorio do Concello, onde habita a terceira parte da poboación.Así como a resistencia á imposición do PXOM de Vigo -un Plan do PP e BNG, favorable a grupos de interese- contribuíu a iniciar o cambio político en Galicia, a anulación do Plan Xeral marcará definitivamente a transformación democrática na nosa comunidade, e será unha constatación de respecto ao país e ao pobo, e o comezo da conta atrás no propio Concello.O Presidente da Xunta non pode esquecer ao pobo de Vigo, nin darlle as costas, logo de cinco anos de loita por facer comprender ao PP e BNG que o Plan Xeral de Vigo debe ser razoable nas súas previsións, respectuoso co medio ambiente e coa cidadanía de Vigo, e ordenar a acción sobre o territorio de maneira que a actividade humana non o degrade irreversiblemente, senón que, pola contra, contribúa a que o progreso sexa sostible. Polo que respecta ao PP, BNG e PG de Vigo, perante o seu voto, dicimoslles: ética ou (auto)destrución. Hoxe, máis que nunca, é imposible pensar que o que estan a facer na casa do concello non vai ter consecuencias: desde as ecolóxicas e sociais ata as persoais e políticas. Se a lealdade ao pobo non está por encima da lealdade ao propio partido, como dixo recentemente un concelleiro do PP, estase a votar polo interese do partido e non polo interese xeral.Alternativa Veciñal, desde unha posición responsable e construtiva, puxo a disposición do Concello de Vigo un ditame -externo e independente- que contén argumentos técnicos, fiables e rigorosos suficientes para, en base ao principio de precaución e seguridade xurídica, votar onte non a este Plan Xeral
Vigo, 20 de Maio 2006
Ningún comentario:
Publicar un comentario