mércores, 28 de xuño de 2006

NON SE PODE LEVAR PEOR A CONCELLERIA DE URBANISMO


NOTA DE PRENSA

A DEVOLUCIÓN DO PXOM AO CONCELLO DE VIGO POLA XUNTA DE GALICIA, DEMOSTRA QUE NON SE PODEN LEVAR PEOR AS CONCELLERÍAS DE URBANISMO E DE MEDIO AMBIENTE.

A señora alcaldesa, Corina Porro, equivocouse. Non debería ter relevado das súas responsabilidades ao señor Iglesias. A quen debería cesar é ao señor Figueroa e as razóns son claras e notorias.A Dirección Xeral de Urbanismo comunicou ao Concello de Vigo que debe emendar as deficiencias observadas no PXOM e completar, coa documentación que falta, o expediente do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, que o goberno local enviou con grande urxencia á Xunta de Galicia. Para Alternativa Veciñal, isto significa que, no ámbito autonómico, os mecanismos de control democrático funcionan e que as continuas queixas da cidadanía polas maneiras utilizadas polo PP e o BNG para levar adiante, custe o que custe, o PXOM de Vigo estaban xustificadas. Demostrouse, tamén, que o goberno municipal do PP, coa complicidade do BNG e do PG, actuou dun xeito irresponsable, ao ser a propia Administración local a que non respecta o procedemento administrativo para aprobar o Plan Xeral. Este feito produce na cidadanía tal perda de confianza nos gobernantes e na institución que esixe unha modificación da lei para evitar que estes feitos volvan acontecer.

O precipitado envío por parte do Concello de Vigo do documento do PXOM, sen recibir todos os informes sectoriais preceptivos e vinculantes, non aportaba elementos esencias e preceptivos nin seguridade á complexa tramitación do Plan. En consecuencia, é especialmente importante para a cidadanía que a Xunta de Galicia garanta, coa súa actuación, que a partir de agora se vai a cumprir estritamente a lei e que son as institucións as que deben dar exemplo.

28 de xuño de 2006

Ningún comentario: