luns, 7 de maio de 2007

NOVO ESTATUTO


O semanario A Nosa Terra vén de publicar unha entrevista a Ramón Villares, catedrático de Historia e ex rector da USC que coordinou a área de 'Ensino e Investigación' do Foro Novo Estatuto.
.
(EDITADO NO MES DE ABRIL DO 2005)
.
- Para que é necesario un novo Estatuto? -
Son da opinión que un Estatuto non resolve, senón que é un instrumento para o debate político que permite renovar o pacto dos galegos co resto do Estado e resituar a Galicia na España das autonomías. Este debate vennos un pouco inducido dende fóra. Non xorde da sociedade galega. Cataluña e Eukadi deron varios pasos neste sentido e ademais o Goberno central anunciou que se vai modificar a Carta Magna. Polo tanto Galicia ten que estar aí, porque ten unha singularidade constitucional, como nacionalidade histórica, que debe preservar. Non é unha cuestión de privilexios, senón de ser como un quere. Polo tanto é imprescindíbel entrar no debate estatutario. Aínda que é certo que co actual pódense facer cousas distintas e que o novo non vai arranxar os problemas de golpe.
Dependerá máis da acción política.-
Cal será o resultado da reforma constitucional e estatutaria? - Hai moitos que din que España é un Estado federal, pero penso que non o vai ser nin pode selo. O federalismo consiste nunha vontade unitaria dentro da diversidade. Supón a eliminación das diferenzas de carácter étnico, histórico, cultural, etc. En España existe certa vontade de unión na diversidade pero tamén existen feitos nacionais en Cataluña, Euskadi e Galicia que son irreductíbeis a unha situación tipicamente federal. Sería desexábel un certo compromiso federal. Para iso habería que arranxar certos problemas simbólicos. Por exemplo, as linguas que hai no Estado son de toda España. Non digo que o galego deba ser obrigatorio para unha persoa de Almería, pero o Estado debería asumila como propias aínda que se falen só nas comunidades. En España hai un aparente recoñecemento das distintas linguas, pero na práctica non se admiten máis que como linguas das autonomías. Outro exemplo sería o recoñecemento das identidades, que evitaría conflitos como o do Arquivo de Salamanca. Logo tamén habería que reformar o modelo de financiamento, que é básico para nós.-
Que eivas presenta o actual Estatuto en materia de educación e investigación? -
Está claro que co actual Estatuto poderían facerse moitas máis cousas das que se teñen feito. No meu relatorio non se trata pois tan só unha modificación xurídico-política do actual texto senón que trata de incluír reflexións de máis longo alcance. Ao longo deste vinte anos puidemos constatar basicamente tres grandes eivas. En primeiro lugar, unha deficiente xestión no ensino preuniversitario. Sobre todo nas relacións entre o ensino público e o privado, na adecuación entre a oferta e a demanda e no seguidismo excesivo de programas feitos no conxunto de España. En segundo lugar, en materia universitaria o problema fundamental é que non existe un modelo de xestión do sistema universitario, o cal propicia a confrontación e a rapañota entre as tres institucións. Habería que establecer unhas pautas de cooperación e especialización entre os tres centros. En terceiro lugar insistimos na necesidade de ser ambiciosos en política científica. Temos que apostar por un cambio de modelo económico que se resumiría na premisa de que Galicia debe afrouxar no cemento e aumentar no coñecemento. Até agora apostouse demasiado polas obras públicas e infraestuturas e non se destinaron recursos a investigación. A nosa política científica é nula. Temos unha rede de galeguidade no mundo froito da nosa emigración que nos permitiría estar presentes cientificamente en moitas partes cun custe baixo. Esta estratexia permitiríanos ser máis competitivos e crear un maior valor engadido.-
Existe un problema de financiamento? -
Precísanse máis recursos para investigación e política científica. Propoñemos diferenciar carreira docente de carreira investigadora. Un profesor non ten porque ser un bo científico e viceversa. O modelo español é equivocado e pode lastrar o coñecemento. Polo tanto ademais de máis recursos hai que cambiar tamén o modelo.- Falaba de que o sistema preuniversitario seguía as pautas do modelo español.
Como se podería adaptar ás nosas características propias? -
Hai que recuperar o Gabinete de Reforma de Currículos, que comezaron na Consellería nos anos oitenta e agora están esquecido. Isto serviría para potenciar o debate en materia pedagóxica. Hai moitos campos, non só no ámbito lingüístico, nos que debemos ter un modelo educativo diferente. Apostamos por fomentar a relación co mundo luso-brasileiro, que lle daría grandes posibilidades de futuro ao noso sistema educativo.-
O ensino debería ser en galego? -
A lingua vehicular debe ser o galego, porque nestes momentos a súa convivencia co castelán é difícil. O seu illamento do portugués tampouco axuda a corrixir esta situación. Até agora emprégase como lingua literaria dalgunhas materias, pero non é lingua básica nin tan sequera nesas. Esta situación debe cambiar. Alén disto, está claro que o alumnado galego tamén debe coñecer perfectamente o castelán e o inglés. Os galegos do futuro deben ser trilingües, pero co galego como lingua básica.

Ningún comentario: