mércores, 20 de xuño de 2007

VIGO, ONDE PEOR SE VIVE



.
Vigo é unha das cidades españolas onde peor se vive, segundo unha enquisa da OCU
.
.
Os vigueses critican da súa cidade o ruído, a atención sanitaria especializada e o transporte público
.
A cidade de Vigo constitúe un dos núcleos urbanos nos que peor se vive en España, segundo un estudo da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) que analizou o grao de satisfacción dos habitantes das 17 cidades máis poboadas de cada Comunidade Autónoma.
Ademais, esta enquisa comparou a calidade de vida de 76 cidades europeas en colaboración coas asociacións de consumidores que forman o grupo Euroconsumers, con presenza en España, Italia, Bélxica e Portugal.
Deste xeito, os 10.123 enquisados --dos que case 2.900 foron españois-- elixiron un total de 11 criterios relevantes para definir a calidade de vida dunha poboación, que se ponderaron dando máis peso a aqueles que os cidadáns consideraron máis importantes.
Así, os vigueses mostráronse descontentos co ruído, a atención sanitaria especializada, o transporte público e a falta de instalacións deportivas da súa cidade. Concretamente, outorgaron un 3,8 á Administración e as xestións; un 4,3 ao transporte e a mobilidade; un 4,5 ao mercado laboral e un 4,8 á situación do medio ambiente na cidade.
Por outra banda, puntuaron cun 5,1 a paisaxe urbana; cun 5,3 a cultura, o lecer e o deporte; cun 5,6 a seguridade cidadá e cun 6,5 a asistencia sanitaria. Para rematar, outorgaron unha nota de 6,6 á educación, un 7,1 á vivenda e a máxima puntuación ao comercio e os servizos da cidade, cun 7,9.
.
EN EUROPA
.
Deste xeito en España, Vigo sitúase entre as localidades peor valoradas polos seus habitantes, xunto con Las Palmas de Gran Canaria, Madrid e Sevilla. Pola contra, Pamplona resultou a mellor puntuada, seguida por Bilbao, Xixón, Logroño, Albacete, Barcelona, Santander, Murcia, Zaragoza, Palma de Mallorca, Valladolid, Valencia e Badaxoz. En Europa, os cidadáns que din gozar de maior calidade de vida proceden de Bruxas, Lovaina e Hasselt (Bélxica). As grandes capitais non se atopan entre as mellor valoradas, xa que Bruxelas sitúase no medio da táboa, séguena Madrid e Roma e Lisboa obtivo a peor puntuación entre as capitais. As cidades peor valoradas foron Palermo e Nápoles.

Ningún comentario: