A entrada en vigor o 1 de xullo da Lei do solo estatal obrigará a revisar os ámbitos do PXOM de Vigo
.
O documento necesitaría unha nova avaliación ambiental
.
A nova normativa estatal afectará aos terreos urbanizables do municipio, a excepción do centro da cidade e do Casco Vello.
.
O 1 de xullo entra en vigor a nova Lei do Solo do Estado. Unha normativa que afectará a todos os plans xerais que están en tramitación ou en redacción, como é o caso do de Vigo, que non conta aínda coa aprobación definitiva da Xunta. Esta lexislación estatal, de obrigado cumprimento, provocará que no PXOM vigués teñan que revisarse ata 75 ámbitos ou ordenacións detalladas que figuran no documento que está pendente de aprobación.
A medida afectará a todos os solos urbanizables que están repartidos polo municipio, a excepción do centro da cidade -os edificios ou solares que están incluídos en zona delimitada polo Plan de Edificios a Conservar- e o Casco Vello.
Os trámites administrativos do Plan Xeral de Ordenación Municipal, coa inclusión de polo menos o 30 por cento de solo para vivenda protexida, non só necesitará unha exposición ao público para presentación de alegacións. Outra das consecuencias inmediatas será a obrigación de someter o documento a unha avaliación ambiental, que contemple a nova realidade.
Na actualidade o Plan Xeral está pendente, no que se refire aos trámites que son competencia da Consellería de Medio Ambiente, de que este departamento autonómico faga público o informe preceptivo de que o Plan "cumpre" desde o punto de vista ambiental. Este informe é consecuencia de haberse acollido á declaración de excepcionalidade -que foi un dos puntos de fricción entre Concello e Xunta a finais do ano pasado-. Coa normativa estatal que entrará en vigor o día 1 de xullo, non serviría a excepcionalidade e si habería que ir a unha avaliación ambiental completa, segundo os técnicos municipais.
Estes informes son imprescindibles para que Política Territorial poida emitir o seu informe favorable ao Plan Xeral vigués e, como consecuencia, a aprobación definitiva do documento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario