xoves, 5 de xullo de 2007

RESIDUOS CONTAMINANTES

Vertedura clandestina de 25.000 toneladas de cascallos do auditorio de Vigo
.
Os residuos sen tratar estanse enterrando en Goián-Tomiño, ás beiras do Miño

.

Unhas 25.000 toneladas de cascallos procedentes da demolición de Casa Mar, en cuxo solar construirase o palacio de congresos-auditorio de Vigo, están sendo enterrados en humidais do lugar de San Lourenzo-Tomiño, na ribeira do río Miño. A vertedura realizouse sen a preceptiva autorización da Consellería de Medio Ambiente, que xa sancionou por ese motivo a unha empresa que efectuaba verteduras do mesma orixe en Salvaterra. Outra parte non cuantificada, probablemente a máis contaminante, foi depositada nunha canteira de Valença do Minho. A demolición da antiga empresa pesqueira Casa Mar libera unha parcela de 90.000 metros cadrados, onde está previsto construír o palacio de congresos-auditorio de Vigo. É un proxecto longamente acariñado na cidade, pero que parece condenado a non saír de tropezos.

Xa a propia adxudicación, o ano pasado, á UTE formada por Sacyr, Caixanova e Pontes e Calzadas, estivo envolvida en polémica: a mesa de contratación tivo que recorrer a informes externos para neutralizar os negativos dos técnicos municipais, contrarios á adxudicación por suprimirse unha planta de aparcadoiros (223 prazas menos) que figuraba no prego de condicións. As obras de demolición tiveron que interromperse logo, a mediados de setembro, polos danos ocasionados na nave lindeira doutra empresa frigorífico-pesqueira, Pereira.
O edificio de Casa Mar xa está totalmente demolido, aínda que no solar aínda quedan amontoados algúns restos. Os promotores contrataron esa parte da obra á empresa vasca Usabiaga, que á súa vez subcontratou con empresas locais o transporte e depósito dos residuos, que en ningún momento quedou claro. O problema derívase de que os residuos de construción e demolición non son inertes, nin sequera logo do seu tratamento nunha planta de reciclaxe. O seu uso como recheo require autorización por parte da Consellería de Medio Ambiente.
A retirada dos materiais da derriba de Casa Mar comezou a primeiros de setembro do ano pasado. En total xeráronse entre 45.000 e 50.000 toneladas de cascallos, das que unhas 8.000 toneladas contiñan materiais especialmente perigosos pola súa capacidade contaminante, como breas e cortiza utilizada para acolchar as cámaras de refrixeración do peixe e por iso impregnado de amoníaco e outros produtos químicos que lle outorgan ese potencial contaminante.
Esta parte dos cascallos foi transportada e enterrada, sen permisos nin control oficiais, de modo clandestino, nunha canteira portuguesa que funciona no lugar de Monte do Châo, no municipo de Valença do Minho, onde as cortizas de Casa Mar, arrastrados polos ventos, estiveron durante semanas flotando na lagoa da canteira, ata ser recuperados e enterrados.
Nos primeiros días de setembro Áridos do Mendo depositou case 3.000 toneladas no municipio de Salvaterra de Miño, onde a vertedura interrompeuse logo dunha inspección ambiental promovida por Autoridade Portuaria de Vigo e que finalmente acabou nunha sanción de 30.000 euros a esta empresa e outra de 15.000 euros á UTE promotora do auditorio vigués.
A estimación en 25.000 toneladas do depósito de San Lourenzo, en Goián-Tomiño, calculouse en función da superficie e grosor que alcanza o vertedoiro, nunha parcela que, como outros humidais da contorna, están sendo utilizados para a vertedura clandestina de residuos de construción e demolición.
A actividade faise ostensible en numerosos puntos, a ambos os dous lados da estrada Tui-A Guardia. Na maioría dos casos non hai constancia da procedencia deses residuos. Os vertedoiros fanse desaparecer logo enterrándoas, fase que está a piques de culminarse cos residuos de Casa Mar en San Lourenzo. Un cartel nesta parcela sinala como "construtor" á empresa Texre Miño, S L.
Aparentemente, o resto de cascallo xerado pola demolición de Casa Mar estaría sendo transportado ao momento limpo de Valla, que dispón dunha planta de trituración e reciclaxe. No entanto, tamén foi comprobado o transporte de materiais desta orixe viguesa cara ao municipio portugués de Paredes de Coura, realizado por empresas portuguesas contratadas por empresas galegas para esa laboura.

Ningún comentario: