domingo, 26 de agosto de 2007

POR UNHA NOVA ADMINISTRACIÓN TERRITORIAL

X.L. MÉNDEZ FERRÍN
.

Seguramente fixen eu mal na semana pasada ao criticar a fantástica área metropolitana bicéfala que para unha parte do sur de Galicia propuxo o señor Méndez Romeu, meu cuase homónino conselleiro da Presidencia. E digo isto porque non teño demasiado claro que cousa debemos entender por "área metropolitana". En todo caso, esta dita de Pontevedra-Vigo, como escribiu Chema García, semella algo así como unha provincia de Pontevedra, dentro da provincia de Pontevedra. Ou ben unha provincia de Pontevedra sen o Salnés, e Terras de Montes e do Deza e Trasdeza. Tamén avisa Vidal Villaverde de que a mensaxe de Méndez Romeu é un falar por non falar do que urxe desde o punto de vista da administración territorial de Galicia.
Se o Parlamento galego fose rico en partidos representados, como o é o catalán e o vasco, poñamos por casos; ou sexa: se no Horreo estivesen sentados Mariano Abalo, Maruchi e Pazos en lugar de estes estaren ca cámara municipal de Cangas, conseguirían sen dúbida que, en materia de reforma territorial, o goberno entrase directamente ao que é prioritario e ben factíbel.
Comezando por baixo, a reforma administrativa territorial que se precisa é a posta en vigor da freguesías, distritos ou parroquias, así rurais como urbanas, cos seus órganos elexidos por sufraxio universal e directo e as súas competencias de rango inferior ao municipio ben definidas. Isto que está previsto na lexislación galega e española de réxime local e que funciona normalmente desde o Bierzo a Madrid, figura no programa nacionalista desde 1918 polo menos e está perfectamente explicado por Castelao en Sempre en Galicia. Pro non parece interesarlle nada ao BNG nin moito menos ao PSOE, aínda que en favor deste último compre decer que o asunto das parroquias non está recollido na chuleta española pola cal ese partido se rexe en Galicia. Unha política de racionalización municipal concretada en fusións e, por que non, secesións de municipios iría acompañada da posta en vigor das Xuntas de Freguesía. Con todo e estes órganos de administración local estaren previstos pola lei vixente, o obxectivo racional e serio sería o dunha nova lei de réxime local que homologase Galicia coa lexislación portuguesa de autarquías, a cal parece mesmamente que fose pensada para a nosa realidade.
Logo, a urxencia é a supresión desa chafallada do PP que chaman fundacións comarcais e a creación de verdadeiras terras ou comarcas administrativas. Dividida Galicia en comarcas e dotadas estas de entidade pública e poderes reais, iríase, camiñando con pasos tan lentos como for preciso pro tan seguros como se están dando en Cataluña, á supresión das catro provincias decimonónicas coas súas innecesarias e arcaicas deputacións.
Mais, desafurtunadamente, Maruchi, Pazos e Abalo, con outros, de esquerda nacionalista coma eles, non están no Parlamento, co cal este resulta moito máis Parlamentiño. O goberno biarcal non semella interesado para nada nestas cuestión e toda innovación reducirase a falar das áreas metropolitanas como xénero literario.

Publicado no Faro de Vigo

Ningún comentario: