sábado, 6 de outubro de 2007

A RIA DE VIGO

Un grupo de asociacións ecoloxistas atopan 16 puntos negros na ría de Vigo

O colectivo entregou este informe á Autoridade Portuaria de Vigo denunciando que se está producindo un grave dano ao delicado equilibrio ecolóxico
Un grupo de asociacións ambientalistas e culturais entregou un extenso informe á Autoridade Portuaria no que se detallan os 16 puntos negros ambientais da Ría de Vigo. Os asinantes do documento consideran que se trata de «un patrimonio común que estamos pondo en grave perigo, na súa totalidade, por primeira vez na nosa historia».
No seu escrito, subliñan que «a constante construción de recheos, portos deportivos, peiraos e outras modificacións artificiais da costa están producindo un grave dano ao delicado equilibrio ecolóxico da Ría». Esta situación destrúe, ademais, «o noso principal recurso natural: a riqueza marisqueira e pesqueira do Mar de Vigo».
Tamén denuncian que estas actuacións «significan, na práctica, a privatización da nosa costa, porque están arrebatando á cidadanía espazos de lecer e natureza que por lei lle pertencen».
O Plan de Usos elaborado pola Autoridade Portuaria de Vigo -á seu entender- pretendía consagrar como criterio de ordenación, considerar toda a ría como un espazo portuario de especial interese comercial, ignorando a súa riqueza ecolóxica e minimizando a importancia do ben común que supón a súa biodiversidade.
Naquela planificación atopábanse «proxectos tan agresivos como a ampliación do recheo de Bouzas, o plan da zona central do porto de Vigo, o recheo de Pescanova en Chapela, o recheo de Tranvías Eléctricos en Rande ou o porto deportivo e urbanización de Massó en Cangas».
No plano urbanístico, sinalan que tanto Vigo como a vintena de municipios que circundan a ría recolleron nos seus plans xerais, recentemente aprobados ou en tramitación, a construción de 220.000 vivendas para albergar a 859.000 habitantes antes do 2020. «Unha auténtica aberración nunha ría na que hoxe convivimos 530.000 persoas e na que hai 56.833 pisos baleiros», denuncian.
As entidades explican nun comunicado que achegaron o documento aproveitando a receptividade do actual presidente da Autoridade Portuaria e debido á importancia das decisións da autoridade que preside.

Ningún comentario: