martes, 23 de outubro de 2007

SALVEMOS CORRUBEDO

ANTÓN REIXA .
.
"A maior novidade da cultura política e civil de Galicia é a posta en valor do territorio"
.
Informaba o diario O PAIS o pasado domingo dos plans da Xunta de Galicia para autorizar tres piscifactorías e unha planta depuradora nese paraíso natural que é Corrubedo. Benvida sexa a información sobre un asunto para o que ata agora só se podía acceder a través dos medios e opinións alternativas en Internet.
Obviamente esa contrainformación está xestionada polos colectivos directamente afectados na zona, que agrupan a xentes do mar e defensores do medioambiente. Sería certamente perverso aplicarlles a estas iniciativas o sanbenito de retrógradas fronte ao progreso e o egoísta principio de "si, pero non no meu patio", porque o que está en xogo en Corrubedo, ademais da necesidade de preservar a integridade do seu ecosistema único e protexido, é todo un modelo de crecemento económico, de xestión do territorio e de explotación dos nosos recursos naturais.
Corrubedo son as dunas, os arrecifes e a actividade de centos de mariñeiros e mariscadores que ven perigar o seu xa difícil medio de vida. O que defende a Plataforma Ambiental, que canaliza as reivindicacións e mobilizacións, non é a negativa absoluta a ese tipo de instalacións e actividades. Claro que entenden a necesidade de depurar as augas fecais, pero propón un tamaño e localización máis razoable para a depuradora en cuestión.
Son xente de mar, que defenderon de forma épica o seu litoral fronte á peste negra do chapapote do Prestige e saben que a acuicultura está na base do futuro da actividade pesqueira, pero queren piscifactorías en terra, na súa contorna pero en terra, e que sirvan para que os propios traballadores da zona asuman iniciativas empresariais e poidan crear cooperativas.
Detrás do asunto non deixan de estar as insidias políticas habituais das institucións implicadas. A actual Xunta tivo que rectificar un plan aprobado pola Xunta anterior, xa no seu período de goberno en funcións. Pero na orixe do problema hai que remontarse ás chamadas demarcacións LIC (lugares de interese comunitario) e á propia Rede Natura.
Aínda por riba, na decisión final da instalación da depuradora ten que intervir o Concello de Ribeira, de maioría do Partido Popular e con moi mala comunicación institucional co Goberno actual da Xunta, mentres que todos teñen que afrontar unha máis que probable sanción da Unión Europea por neglixencia no tratamento de augas residuais. A maior novidade da cultura política e civil de Galicia nos últimos anos é a posta en valor do territorio.
Hai un gran consenso social sobre o estratéxico deste debate, que afecta á defensa da costa (Prestige e prohibición en vigor de construír a menos de 500 metros do litoral), a defensa do monte (estado de opinión xeneralizado contra os incendios forestais) ou a política enerxética (polémica sobre a localización actual de Reganosa), pero ninguén dixo que fose fácil instrumentar un discurso coherente e integrador que afrontase esa "nova fronteira". O que si está claro é que a vía non é a falta de diálogo e de información, senón todo o contrario. O peor camiño nesa dirección é a demagoxia. Non debe asustar á Xunta o tomar decisións con rigor, diálogo, racionalidade e información.
Cando ao principio do seu mandato desbaratouse a pretensión da empresa Pescanova de establecer unha piscifactoría en Touriñán e decidiu trasladala a Portugal, fomos moitos os que entendemos que Galicia está actuando, por fin, como un país moderno. A gran piscifactoría proxectada foise a contaminar onde lles deixaron e atoparon man de obra barata. Os beneficios desa actividade en Portugal engrosarán, con todo, a conta de resultados dunha compañía galega.
O próximo día 4, domingo, convocouse unha gran marcha en Corrubedo para frear o desastre e racionalizar o plan acuícola. Eu vou estar alí e ademais gustaríame seguir informado a través deste xornal e de todos sobre este decisivo asunto, igual que se nos informa a través de altermundo.org.

EL PAIS

Ningún comentario: