martes, 2 de outubro de 2007

UN AMIGO NO CONCELLO

De por qué en Vigo se amparan torres ilegais e derrúbanse casas
.
Manuel Dasilva é un obreiro do naval vigués que vive angustiado, cun nó na garganta. Un xuíz ordenou a derriba da modesta casa que comparte coa súa muller, Charo, e a súa filla, Ainoa, no barrio de Sampaio, pola que está pagando unha hipoteca de 48.000 euros. O seu delito: aproveitar un permiso de reformas para facer obra nova que consistiu, basicamente, en substituír unhas vellas paredes de ladrillo por outras máis seguras. Só a solidariedade de trescentos veciños apiñados onte ante a súa vivenda frustrou momentaneamente a actuación da picaraña. Manuel protagoniza, sen desexalo, unha metáfora da desorde urbanística que caracteriza á maior cidade de Galicia. O común dos vigueses comenta na rúa o agravio comparativo: non se acaban de executar as sentenzas de demolición de multitude de torres e centros comerciais (Ífer, Castrelos, Samil, A Pastora, Gran Vía, Rosalía de Castro, Jacinto Benavente, Canido...) e, con todo, vaise a saco contra a casa dun paisano ao que nin sequera amnistían cunha multa. A clave non está nos tribunais, senón na recua de alcaldes que ampararon con licenzas mal dadas as grandes ilegalidades da cidade. Manuel non ten licenza. Precisaba un amigo no Concello.
LA VOZ

Ningún comentario: