xoves, 15 de novembro de 2007

UN PLAN INSOSTIBLE PARA VIGO

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo suspende o exame ambiental da Consellería de Medio Ambiente (CMA). Dio a súa resolución de 10 de setembro de 2007. Con todo, o Sr. Vázquez demostra a mesma debilidade política que a Sra. Caride cando denegou a aprobación definitiva do Plan. Pospón o pronunciamento da CMA e devolve o Plan ao Concello, ao que obriga a realizar algunhas modificacións. É incapaz de tomar a única decisión legalmente posible: someter o Plan ao procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE).
A decisión do Sr. Vázquez viola o espírito e a letra da lei. É unha perigosa evasión de responsabilidade. Non aplica o principio de cautela; bendice as carencias ambientais e falta de transparencia da súa tramitación; impide a participación cidadá no control da calidade ambiental do Plan; aumenta a inseguridade xurídica; e, o máis grave, obviar a integración da avaliación ambiental na toma de decisións. Choca coa finalidade preventiva da AAE. O Sr. Vázquez abusa no exercicio das súas atribucións. A CMA só pode decidir que a AAE do Plan é inviable se atopa algún obstáculo insalvable. O que fixo é moi distinto: pide cambios ao Concello para xustificar a inviabilidade, algo de por sí incoherente.
O director xeral de Desenvolvemento Sostible da CMA, o Sr. Fernández, é o artífice directo do plan da CMA contra a AAE do PXOM. A súa competencia é a correcta aplicación da AAE, pero asina unha resolución que soslaya aspectos esenciais de sostenibilidade e inmíscese en competencias urbanísticas. É unha táctica fraudulenta e chafalleira que envolve con aparencia técnica unha decisión partidista sen dar nin unha razón válida para evitar a AAE. Argumenta que cumprir unha lei para a protección ambiental produce "prexuízos económicos e sociais", algo anacrónico e escandaloso. Cualifica de "imprescindible e urxente" a Rolda de Vigo, pero recoñece que falta no Plan un estudo sobre mobilidade sostible. Ignora o número de alegacións extraordinario, que máis de 20.000 cidadáns solicitaron un referendo ou as multitudinarias manifestacións.
O Plan require unha nova aprobación provisional e exposición pública polos cambios substanciais pendentes. Outra razón máis para realizar a AAE. O Sr. Vázquez parece pensar que os cidadáns e os tribunais son fáciles de convencer. Para el, modificar o Plan é viable e a súa avaliación ambiental, non. Antes había que "tombar" o PXOM de Corina Porro. Agora hai que facilitar ao Sr. Caballero a súa aprobación apresurada, aínda que incumpra a lei. Tan evidentes e irresponsables contradicións son tan insostibles como o propio Plan. Así non gañarán os cidadáns nin Vigo nin Galicia. Quizá o Sr. Vázquez pensa que dando facilidades ilegais ao seu compañeiro de partido, o Sr. Caballero, gaña o PSdG-PSOE de cara ás próximas eleccións xerais. Deste xeito, este partido promove un plan insostible para Vigo, atende aos seus propios intereses e cumpre o pacto co BNG. Pero incumpre o compromiso cos cidadáns. Na carreira por substitucións do PXOM, o PSdG-PSOE toma a testemuña do PP, como este o recibiu do BNG. O círculo do mal goberno péchase.

Ningún comentario: