martes, 4 de decembro de 2007

¿HAI TRAMA URBANÍSTICA EN VIGO?

A Garda Civil destapa unha trama urbanística en Mugardos
.
Catro persoas detidas e outras tres imputadas por presuntas irregularidades cometidas cando o alcalde tamén era concelleiro de Urbanismo
.
A Unidade de Delitos Urbanísticos da Garda Civil detivo na mañá de onte a catro persoas relacionadas co departamento municipal de Urbanismo do Concello de Mugardos pola súa presunta implicación nunha trama de tráfico de influencias paralelas á xestión do chan no municipio, situado ao sur de Ferrolterra. Outras tres persoas foron chamadas a declarar como imputados e varios domicilios, inmobles e sedes empresariais da comarca de Ferrolterra foron rexistradas onte por orde xudicial. Os sete imputados comparecerán ante o Xulgado de Instrución Número Catro de Ferrol entre hoxe e mañá, segundo fontes da investigación.
Os detidos son dous homes e dúas mulleres, entre os que se atopan o policía local Ovidio Torrente e a súa esposa Elena Suárez, propietaria da axencia inmobiliaria Xesven, situada a escasos metros fronte á casa consistorial mugardesa. A aparelladora técnica municipal, Carmen Piñeiro, e a arquitecto local Julia Cortizas, que traballou de forma externa para o Concello en 2006, figuran igualmente entre as persoas que terán que declarar pola súa presunta vinculación coas irregularidades investigadas.
O alcalde da localidade, Xosé Fernández Barcia (BNG), que durante a pasada lexislatura compaxinou o seu cargo co de responsable de Urbanismo, afirmou onte estar "plenamente disposto a colaborar coa Xustiza" para esclarecer os feitos que a Garda Civil investiga desde o pasado mes de maio e que bautizou como operación Virgin.
A responsable local de EU Pilar Díaz afirmou onte que o seu grupo xa denunciou xudicialmente, ata en catro ocasións, diversas actuacións presuntamente irregulares ou ilegais desenvolvidas desde as oficinas municipais de Urbanismo, a última relacionada coa construción dunha vintena de chalés na parroquia de Franza, operación proxectada desde a empresa Xcale, propiedade de Julia Cortizas, pouco tempo logo de abandonar as súas tarefas como asesora municipal. Para Díaz "non é crible que o alcalde non estivese ao corrente do que sucedía, polo que creo que debería, como mínimo, dimitir ", dixo.
.
AS TRAMAS URBANÍSTICAS ESTAN CAENDO CADA VEZ MAIS PRETO DE VIGO, ¿OS XUÍCES E FISCAIS ESTÁN INVESTIGANDO EN VIGO? QUEN SABE.

Ningún comentario: