Os visados de pisos caeron un 36% en Galicia desde o inicio da crise
.
Ourense e Santiago son as comarcas que máis acusan a freada, e Pontevedra e Ferrol, as que máis aguantan
,
O número de edificacións novas descende ao nivel do 2002 e os promotores prognostican un esborralle maior
.
A crise do ladrillo é real e Galicia está acusando cada mes con maior intensidade.
.
O peche en fervenza de pequenas construtoras ou a masiva desaparición de axencias inmobiliarias cobráronse xa máis de 300 vítimas na comunidade autónoma. E agora é o mercado residencial o que botou o freo de xeito acusado. Tanto que, desde xullo do 2007 ata o peche do ano, o descenso no número de proxectos visados para vivendas novas rolda xa o 36% (a caída en todo o ano 2007 ascendeu ao 27%). E a porcentaxe comeza a ter un reflexo exacto no número de licenzas aprobadas polos principais concellos.
Entre xaneiro e mediados de marzo, os oito primeiros concellos de Galicia tramitaron preto de dous mil licenzas de obras menores e maiores. O dato non altera substancialmente o ritmo do ano 2006. Pero os promotores aseguran que apenas un 10% destas peticións son para edificios e urbanizacións novas. As licenzas para vivendas unifamiliares coparían non máis doutro 15%. O resto son permisos para reformas, rehabilitacións e obras menores. Os datos confirman algo máis que unha fochanca do sector. «Non se detiveron os guindastres porque estamos acabando proxectos solicitados fai un e dous anos», explica o presidente dos promotores galegos, Garrido Valenzuela. En opinión dos investidores, o parón de licenzas comezará a percibirse nas cidades no último semestre. O que xa non é tan patente é a dimensión exacta desta crise. «Está claro que afectará a moitos subsectores, como a carpintería metálica, a fontanería, os sistemas de calor ou a albanelería», comenta o secretario xeral da federación inmobiliaria galega.
A mesma perspectiva compártena tamén os arquitectos. Desde o colexio profesional de Vigo, os seus portavoces sosteñen que o descenso nos visados «terá unha tradución directa no mercado a medio e longo prazo». Desde principios do 2007 ata o pasado 1 de xaneiro, en toda Galicia visáronse proxectos para crear 35.065 vivendas novas, case 13.100 menos que o ano anterior. O nivel non era tan baixo desde o ano 2002. E os profesionais sosteñen que a corrección continúa. Desde os concellos evítase custe o que custe unha lectura pesimista. A maioría de cidades galegas está adaptando os seus plans xerais de urbanismo, ou redactando documentos novos, o que por si só detén o ritmo construtor nos municipios. Os políticos están convencidos de que en canto se despexen as dúbidas dos planeamentos as peticións multiplicaranse. Pero os promotores non son tan optimistas. Desde a asociación de Ourense recordan que desde hai pouco máis dun mes estanse acelerando as solicitudes de licenzas para edificacións novas nun intento de esquivar a nova regulamentación do hábitat galego, que entrará en vigor o 17 de abril e que os construtores aseguran que encarecerá os proxectos case un 30% coas súas novas esixencias.
«Por iso a caída será moito maior a partir do próximo mes», aseguran na federación galega de promotores inmobiliarios.
Por comarcas, Ourense visou 584 novas vivendas no 2007, un 63,1% menos que o ano anterior. En Santiago o ritmo caeu un 44,8% (1.022 vivendas visadas), en Lugo un 37,6% (1.001), en Vigo un 36,3% (2.195) e na Coruña un 32,1% (3.785 vivendas). Ferrol é a comarca cunha menor caída (visáronse 1.105 vivendas, un 21,4% menos que no 2006), mentres que a única comarca que sobe, e só un 1,2%, é Pontevedra, con 1.391 vivendas visadas o pasado ano.
.
la voz
Ningún comentario:
Publicar un comentario