Outro recurso contra o pleno do Plan Xeral de Vigo (PXOM)
.
Caballero achaca ao 9-M o atraso do visto e prace da Xunta ao documento
.
Colectivos e asociacións afectados polo novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo (PXOM) anunciaron onte a presentación a próxima semana dun recurso contencioso-administrativo para conseguir que os tribunais declaren ilegal o pleno do 29 de decembro pasado que aprobou o documento urbanístico e que consideren nulos os acordos adoptados na sesión.
Este será o segundo contencioso, tras o presentado a semana pasada pola Unión de Consumidores de Pontevedra e a Asociación de Peritos Inmobiliarios.
En todos os casos, os recorrentes contemplan que a celebración da sesión a porta pechada supón o incumprimento da legalidade e, xa que logo, que invalida os acordos adoptados nela.
Antes de decidir a presentación do contencioso-administrativo, os colectivos afectados das parroquias viguesas, presentaron o 23 de xaneiro un recurso no Concello no que solicitaban a nulidade do pleno. Unha vez desestimado polas instancias municipais, decidiron recorrer á Xustiza.
Ademais dos dous recursos anteriores, o PP e a Federación de Veciños trasladaron no seu día a documentación á Fiscalía para que investigue os feitos.
A pesar de impedir a policía a entrada ás persoas que agardaban ese día desde as cinco da mañá na porta do Concello, a sesión contaba con público simpatizante ou militante do PSOE que, segundo figura nalgún informe policial, conseguiu acceder polo garaxe.
A presidenta da entidade veciñal foi unha das persoas ás que non se permitiu presenciar a sesión, o que provocou numerosas reaccións cidadás e críticas, polo que foi tachada de conduta antidemocrática.
.
Aprobación total do PXOM
..
Sobre a posibilidade de que a Xunta impoña condicións para aprobar o Plan Xeral da cidade, o alcalde, Abel Caballero, asegurou onte que tal extremo non ten ningunha credibilidade e que el só contempla «unha aprobación total e absoluta, co visto e prace ambiental á totalidade».
Neste momento o documento urbanístico que decidirá o futuro de Vigo nos próximos vinte anos atópase pendente do visto e prace das consellerías de Medio Ambiente e Política Territorial. Caballero xustificou o atraso na súa aprobación polas eleccións: «Creo que a Xunta fixo moi ben en deixar a aprobación do ámbito ambiental para logo das eleccións para que quede libre de acusacións de electoralismo ou de oportunismo». Na súa opinión, o polémico plan goza de boa saúde e terá luz verde da Xunta en breve prazo, pese ao rexeitamento do PP e dalgúns promotores, que achaca ao feito de frustrar un pelotazo de 1.500 millóns de euros coa inclusión de máis vivenda protexida.
Para o alcalde vigués, «o plan elaborouse para estar blindado nos tribunais, con todas as garantías xurídicas», algo que confirmará o tempo, como sucedeu co anterior de 1993.
.
LA VOZ
Ningún comentario:
Publicar un comentario