xoves, 13 de marzo de 2008

TRAMITACIÓN DO PXOM

A Xunta di que será "exquisita" na tramitación do PXOM vigués e nega que existan atrasos. .
.
O xefe do executivo galego, Emilio Pérez Touriño, asegurou hoxe que non existen "atrasos" na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo e salientou que a Xunta garantirá "ao cen por cen que se cumpre a lei" ao respecto do plan, sobre o que dixo que "hai que ser exquisitos" para dotalo de seguridade xurídica, porque "pode haber intencións a miles de cuestionalo e poñelo en solfa".
Na roda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Touriño advertiu de que "non é bo alarma nin presión" neste asunto e insistiu en que o Executivo galego "fai o seu traballo con celeridade e eficiencia", xa que a Consellería de Medio Ambiente "ten practicamente acabado" o seu informe sobre o plan, cuxo expediente recibiu en xaneiro.
Touriño anunciou que o ditame "sairá de contado", concretamente "en cuestión de días", aínda que non quixo avanzar en que sentido irá a decisión da consellería, que pode eximir ao PXOM vigués de ter que presentar un informe de avaliación ambiental estratéxica ou concluír que debe pasar este trámite. Sen querer "especular", advertiu de que a realización deste trámite "supera o ano", o que si atrasaría a aprobación do PXOM.
Finalmente, o dirixente galego explicou que unha vez que Medio Ambiente emita o seu ditame, será a Consellería de Política Territorial a que deba darlle a aprobación definitiva ao PXOM. Nese sentido, lembrou que María José Caride comprometeuse a reducir a un mes o prazo de tres meses que ten para pronunciarse sobre o plan vigués.

Ningún comentario: