domingo, 20 de xullo de 2008

CAMPAÑA BANDEIRAS NEGRAS 2008

Coa chegada do veleiro Deusa Maat a Vigo, o próximo 23 de xullo, Ecoloxistas en Acción, Verdegaia e a rede “A Ría Non se Vende” presentarán o informe “Bandeiras Negras 2008” sobre a alarmante situación dos ecosistemas litorais do Estado español, e concederán Bandeiras negras e Puntos Negros ás zonas máis agredidas do litoral vigués.
Este verán o veleiro Deusa Maat da confederación Ecoloxistas en Acción diríxese ao Mar Cantábrico para realizar unha análise da situación dos ecosistemas costeiros e mariños da zona e, ver como o estado destes inflúe sobre a economía e modos de vida das diferentes localidades costeiras, seleccionando algunhas das máis representativas para obter esta análise. O Deusa Maat conta con científicos mariños entre a súa tripulación que relacionarán os datos públicos dispoñibles cos datos obtidos coa instrumentación que conta o veleiro.
Ecoloxistas en Acción, a asociación ecopacifista galega Verdegaia e a rede “A Ría Non se Vende”, convocarán o mércores 23 de xullo, ás 11:00 horas, unha rolda de prensa no Porto de Vigo para dar comezo á campaña “Bandeiras Negras 2008”. Darase a coñecer en detalle a realidade do litoral español, galego e vigués.
Durante todo o día os colectivos ecoloxistas, veciñais e sociais colocarán Bandeiras Negras e Puntos Negros en diferentes praias e zonas litorais da Ría de Vigo ameazadas fundamentalmente pola especulación urbanística desmesurada, a ampliación de infraestruturas como o porto de Vigo e os portos deportivos, a escasa e inadecuada depuración das augas residuais, verteduras industriais, así como os recheos. Convócase a todas as persoas interesadas a participar nestas accións de denuncia. Tamén se pode visitar o veleiro Deusa Maat, durante o seu amarre en Vigo e en Cangas. Así mesmo haberá unha exposición e xogos didácticos.

Ningún comentario: