luns, 14 de xullo de 2008

RECHEOS NO PORTO DE VIGO


Porto de Vigo: asfixiando á ría cun novo recheo
.
A Autoridade Portuaria de Vigo presentou o seu proxecto de planificación para a próximos sete anos que pretende encher 271.707 metros cadrados da ría, repartidos en seis zonas distintas do litoral da cidade para ampliar o actual porto. Esta nova extensión con recheos sumaríase aos máis de dous millóns de metros xa obtidos por este sistema.
O desenvolvemento portuario está planificado entre 2008 e 2015, e inclúe o polémico recheo do Areal, que suporá a ocupación de 80.000 m2 da ría. Ademais, prevese a ocupación doutros 81.341 m2 ocupación na ría de Bouzas, 22.353 en Beiramar, 36.000 na estación de transatlánticos, 21.194 en Chapela- que se porán a disposición de Pescanova- e 30.881 en Duches.
Unha actuación desorbitada e aínda máis tendo en conta que no espazo portuario da ría de Vigo hai ata 960 concesións a empresas que se foron outorgando durante os últimos 25 anos para suplir a carencia de solo industrial. Ao longo dos dez quilómetros de instalacións do porto, entre Rande e Bouzas, hai espazo suficiente para reordenar estas naves industriais que poderían desenvolver a súa actividade no interior e que ocupan superficie portuaria sen necesidade. Resolver a súa situación para optimizar o actual uso do porto debería ser un paso previo a calquera iniciativa que detraiga máis espazo a través de recheos á xa moi maltratada ría que, a pesar de todo, segue mantendo taxas de produción biolóxica elevada.
O Porto de Vigo é o único dos 14 portos de interese xeral da costa española que funciona sen un Plan de Utilización de Espazos Portuarios.
Desde a plataforma de "A ría non se vende", que agrupa a 14 organizacións, comezaron diferentes mobilizacións para asegurar nin un metro máis de recheo.

GREENPEACE

Ningún comentario: