xoves, 4 de decembro de 2008

O ALCALDE DE VIVEIRO PREVARICA

A Policía Xudicial atribúe ao alcalde de Viveiro ata catro delitos de prevaricación.
..
Un informe da unidade de urbanismo da Policía Xudicial atribúe ao alcalde de Viveiro, o socialista Melchor Roel, e á súa Xunta Local de Goberno, a presunta comisión de catro delitos de prevaricación e outro relativo á ordenación do territorio e a protección do patrimonio histórico, segundo a documentación á que tivo acceso.
O informe, enmarcado dentro das dilixencias previas do proceso que tramita o Xulgado de Instrución nº 2 de Viveiro, estima que a Xunta de Goberno do Concello, da que forma parte o alcalde, puido incorrer en supostas ilegalidades urbanísticas ao conceder catro licenzas de obra amparándose irregularmente no procedemento do «silencio administrativo».
Devanditas licenzas, ademais, concedéronse no período -entre o 23 de marzo e o 22 de xuño de 2006- en que o Concello tiña temporalmente suspendida a súa capacidade para outorgar ningún tipo de autorización deste tipo pola Consellería de Política Territorial da Xunta, ao estarse redactando unhas novas normas urbanísticas provisionais, actualmente en uso.
..
Desprezo ao patrimonio
..
Este informe da Policía Xudicial refírese en concreto a seis expedientes de obras concedidas polo Concello en 2005. Nos dous primeiros, das que foi beneficiaria a empresa Construcións Furadiña S.L., os investigadores estiman que se autorizou a demolición dun solar incluído dentro do conxunto histórico-patrimonial da Igrexa de Covas e a posterior construción de 15 vivendas a pesar de que existían informes vinculantes contrarios dos técnicos municipais de urbanismo e a Consellería de Cultura.
Ademais, informan de que a demolición do solar foi iniciada antes de que a Consellería resolvese a petición para autorizar a súa execución. A aínda vixente Lei 1/1997 do solo de Galicia impide outorgar licenzas sen os informes técnicos e xurídicos que acrediten a súa legalidade, e a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio rural asevera que «en ningún caso entenderanse adquiridas por silencio administrativo licenzas en contra da lexislación».
Por todo isto, a Policía Xudicial estima que a Xunta Local e o alcalde puideron incorrer nun delito de «prevaricación urbanística» e outro contra a «ordenación do territorio e a protección do patrimonio artístico e o medio ambiente», ao tratarse dun solar de interese cultural.
Os outros catro expedientes refírense a licenzas de obras para Construcións Os Milineros S.L., Andrés López Branco S.L. e outro particular, que en total pretendían edificar 195 vivendas e un hotel en diferentes lugares do termo municipal de Viveiro. Todos eles teñen en común o otorgamiento das respectivas licenzas con informes contrarios do técnico municipal e amparándose no procedemento do silencio administrativo, co agravante de que o Concello tiña suspendias as súas competencias urbanísticas por orde da Consellería de Política Territorial.
Segundo se puido saber, a esta denuncia -presentada ante o Xulgado de Instrución nº 2 de Viveiro polo ex alcalde César Aja- agregáronse outros cinco expedientes máis, aínda que a Policía Xudicial non realizou proba pericial algunha. Nos próximos días, os avogados da acusación pedirán á xuíza instrutora a ratificación do informe dos investigadores, para a súa posterior remisión á Fiscalía e a redacción do escrito acusatorio.
.
ABC

Ningún comentario: