luns, 9 de febreiro de 2009

A ARTE DE CALAR

Aínda non se iniciou a campaña electoral e a nosa clase política xa se soltou a lingua comezando, como é habitual, a prometer a destro e a sinistro. Por que todo o que aseguran que farán nos catro próximos anos non o levaron a cabo nos catro anteriores? Realmente pensarán que lles cremos? Todo vale con tal de seguir ou volver ao machito. Empezan cargados de boas intencións, pero a medida que a campaña avance e as sondaxes indiquen que os escanos perigan aparecerá o vendedor de fume que tanto político leva dentro e poranse a largar esquecendo aquilo de que un é dono do seu silencio e escravo das súas palabras.
.
A eles recomendo a lectura dun libro, case un opúsculo, cuxo título non é outro que A arte de calar, do abate Dinouart, unha pequena xoia literaria que, a pesar de ser escrito en 1711, irradia actualidade. Aos que todo fai supor que máis cidadáns votarán pero non gobernarán, e aos que presumiblemente e por separado menos o farán pero durante catro anos seguirán levando as rendas desta Galicia tan necesitada de solucionar os seus problemas e non de ofertas que nunca chegarán a cumprirse. Se o len e asimílano aprenderán a ser cautos nas súas promesas, pois o contrario é tomarlle o pelo ao electorado, e iso, mírese como se mire, está feo. O abate Dinouart iniciaralles nos diversos tipos de silencio, ensinándolles os principios necesarios para calar no debido momento, porque «falar mal, falar demasiado ou non falar bastante son os defectos ordinarios da lingua».

1 comentario:

Anónimo dixo...

Anónimo dijo...
Os Martes as 18 horas vendra Touriño a visitar a ETEA. ¿PORQUE O FAI A ESA HORA? Tendra medo que lle monten un cristo os de Teis e os da depuradaora o os do carril bice? Sabe que se vai encontrar con as instalacios totalmente desmanteladas e destrozadas por deixalas abandonadas durante anos de donde desapareceron aparatos de grande tecnologia incluso militar?

E o tío Abel sen enterarse e prometeu abrir o publico mañan, sera pra ver as ruinas?

10/2/09 08:51