domingo, 19 de abril de 2009

GALICIA NO CAIXÓN

A historia política e económica de Galicia nos séculos pasados e actuais está infestada de frustracións, promesas incumpridas e postergación recorrente, calquera que fora o partido gobernante ou o político galego máis relevante do momento. En todas as ocasións Galicia foi facilmente burlada ao amparo do localismo demoledor que caracteriza a nosa idiosincrasia parroquial.
En máis dunha ocasión referinme á necesaria consideración de Galicia como un todo, como unha empresa común, cunha equilibrada distribución da actividade e da riqueza de acordo coas características e potencialidades de cada provincia e de cada comarca, para un crecemento equilibrado e armónico. Pero esta concepción unitaria tropeza cada día máis coa avaricia localista. Xa Castelao dicía que a Galicia lle faltou unha gran capital, cal Barcelona para Cataluña, como foco dinamizador da cultura, da economía e da representación política decisoria. Esta situación aquí non se deu senón, antes ao contrario, coa sede da Xunta en Compostela, dispersouse e limitou aínda máis calquera posibilidade de política económica global con evidente abandono dalgúns territorios, como A Mariña lucense, convertido Santiago en enclave artificial de desenvolvemento favorecido con localizacións de infraestruturas rexionais relevantes contrarias á concepción global do país ou con dispendiosas realizacións culturais de inspiración ditatorial, que recordan as referidas por Miguel Fisac nun esclarecedor ensaio sobre a arquitectura como manifestación de poder omnímodo.
Os políticos galegos nunca se distinguiron con decisións favorecendo a Galicia, ou simplemente dedicándolle a atención que o seu permanente atraso requiría. No século XIX foi o último territorio en ser comunicado por ferrocarril coa Meseta en percorrido interminable e terceiromundista. En época do xeneral Franco, sen dúbida o galego que máis tempo e con máis poder dominou o Goberno da nación, non foi considerada nin en infraestruturas nin en localizacións dinamizadoras de ningún tipo. Este era exclusivamente o seu lugar de veraneo en unión dalgúns ministros que, polo xeral, despachábanse con bucólicas referencias á súa «amada Galicia». O acceso por estrada ao centro desde os tempos das carrilanas foi un continuo penar. O primeiro intento serio de modernización concluíu en Benavente e só anos despois e moi recentemente a autovía A-52 deu solución digna a esta vía, con cincuenta anos de atraso. Agora din que a señora Magdalena Álvarez gardaba celosamente no caixón os proxectos dos nove tramos pendentes do AVE entre Lubián e Ourense que no seu momento e cando debía non denunciou o señor Touriño. É previsible que nalgún outro caixón repousen os proxectos do enlace Vigo-Ourense que sumaría ao traxecto a demanda potencial máis importante do percorrido e o que o faría rendible. O traxecto Santiago-Ourense, ademais de partir o país pola metade, non achegará demanda significativa á rendibilidade global do proxecto.
Aínda hoxe Felipe González vanglóriase da súa persoal decisión de levar o AVE a Sevilla, que recentemente completou a anterior ministra de Fomento irradiando o seu percorrido ao resto de Andalucía. Recordo que cando chegou Zapatero o propio González aconselloulle que se ocupase de León, consello que evidentemente está seguindo. Os políticos galegos, por un mal entendido sentido do que dirán, nunca tomaron decisións transcendentes para o seu país. Chegou o momento de facelo sen rubor para que Galicia, «unha vez máis, non quede no caixón».
Victor Moro

Ningún comentario: