venres, 29 de maio de 2009

A CRISE INMOBILIARIA DIFUMINA OS EFECTOS DA LEI QUE PROHIBE EDIFICAR NA COSTA

Os alcaldes sosteñen que a influencia da medida cautelar é mínima.

Con máis ruído que noces, o pasado 17 de maio prorrogouse por un ano a disposición da lei de medidas urxentes de protección do litoral que prohibe construír nos primeiros 500 metros da costa. O estrépito político, provocado polas diferenzas de criterio entre o anterior Goberno e o de Feijóo, contrasta coa absoluta calma nos concellos costeiros, afeitos desde fai meses a que as promotoras deixen de presentar proxectos nas concellarías de urbanismo. Onde non chegou a prohibición fíxoo a crise, cunha prórroga máis severa que a ditada polo conselleiro de Territorio, Agustín Hernández.
"A verdade, non nos afecta o máis mínimo", resume o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, do BNG. No seu caso, aos problemas do sector inmobiliario únese un plan xeral antigo que cualifica como rural a maior parte do territorio costeiro. Como tal, esas zonas non son susceptibles de desenvolvementos urbanísticos, con paralización ou sen ela. A antigüidade das normas urbanísticas é un mal xeneralizado: só 29 concellos costeiros adaptaron o seu planeamento á lei do solo de Galicia, e polo tanto quedan exentos da paralización cautelar.
A substitución na Xunta inspirou unha repentina condescendencia nos concellos do PP. Por exemplo, no de Vilanova de Arousa, cuxo alcalde, Gonzalo Durán, acabou nos tribunais coa anterior Consellería de Política Territorial. "A paralización dos dous anos fíxonos moito dano", sostén Durán. A prórroga por un terceiro ten menos importancia, di; no seu caso, non tanto pola paralización do sector inmobiliario como por "o prazo máis limitado". "Se a prórroga é ata decembro, entendémolo".
As características orográficas de Vilanova, cunha forma parecida a unha península, fan que os 500 metros invadan a práctica totalidade do territorio. Alí había moito territorio urbanizable que se viu afectado pola paralización do Goberno de Emilio Pérez Touriño. "Paralizóunolo todo, e témolo aínda paralizado", laméntase o alcalde, que engade: "perdemos dous anos cruciais, nunha época de expansión; agora estamos nun ciclo distinto, no que os bancos non dan diñeiro".
Na Costa da Morte a presión urbanística anticipouse á prórroga. Con efectos non sempre negativos. En Corcubión, por exemplo, abandonáronse os plans que pasaban por derrubar restaurantes e hoteis para convertelos en apartamentos, e agora apóstase por reactivar eses negocios "con efectos moito máis interesantes para a localidade", confirma o seu alcalde, Francisco Lema, do PSOE. "A crise está pondo as cousas no seu sitio", felicítase. E aínda que o litoral está practicamente copado, Lema recoñece que a prohibición, agora prorrogada, permitiu paralizar "dúas ou tres actuacións inmobiliarias noutras tantas parcelas". "É interesante que se permitiu repensalo todo e pór un pouco de orde", opina o alcalde, ao que as normas subsidiarias en vigor impediríanlle pór trabas a certos proxectos urbanísticos por aberrantes que fosen.

ENTREVISTA: JAVIER GARRIDO Presidente dos promotores inmobiliarios "Non podemos pretender que os turistas veñan só polo marisco"

Ningún comentario: