venres, 22 de maio de 2009

LADRILLOS DE OURO E PISOS DE AZAFRÁN

Os informáticos teñen como principio sacro a máxima de que "se funciona, non o toques". Pero só se funciona. E entre os nosos políticos hai un consenso xeneralizado de que o procesador da nosa economía non funciona, que é un modelo tan anticuado que non pode facer fronte aos retos do futuro. Noutras palabras, necesitamos un cambio de modelo de produción.
E sempre que se busca un culpable da crise aparece en primeira fila o procesador avariado: o ladrillo, o principal elemento distorsionador do sistema operativo da nosa economía, cova de contratos lixo, pozo sen fondo do investimento, e sumamente sensible ao menor vento de crise. O ladrillo fíxonos crer no "milagre español" do crecemento destes últimos anos, estendeu a especie de que o crédito hipotecario era un maná inesgotable, e o ladrillo revélase agora como o maior destrutor de emprego. Resultou ser un bumerán que nos deu en plena cara.
Na última década os construtores de fortuna coparon a prensa do corazón. Eran os novos Midas. Xente de dubidoso pedigrí á que todo o mundo ríalle as grazas pola súa capacidade extraordinaria para corromper concellos en pleno e seducir jovencitas do famoseo de televisión.
E é que algo fascinante debe de ter a construción. En tempos de Mahoma, cando alguén preguntou ao Profeta acerca dos edificios do Paraíso, respondeu: "Ladrillos de ouro e prata, mestura de almizcle, perlas e zafiros, e pisos de azafrán; quen ingrese terá felicidade eterna e non coñecerá a miseria". Ata Mahoma prometía aos seus fieis as virtudes de investir no ladrillo para escapar da miseria e alcanzar o Paraíso. Como os do PP, que seguen apostando por el con máis desgravacións fiscais.
Pero Zapatero, que é ateo e non se fía nin dos pisos feitos con azafrán, avisa agora que "cada euro que se inviste en banda ancha achega once veces máis que un euro investido no ladrillo". Aínda que sexa de ouro. Non sei de onde saca os datos, pero debe de ter razón... cando Mariano Rajoy pensa o contrario.
M.S.

Ningún comentario: