venres, 1 de maio de 2009

SEGUEN AS CACICADAS DO PP

Baltar dá unha praza na Deputación ao xornalista que lle levou a campaña.

O presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar, adxudicou a praza do gabinete de prensa deste organismo ao xornalista contratado polo PP ourensán e responsable da súa campaña electoral. O profesional que se fixo co posto, e que acreditou título de bacharelato, superou no concurso de méritos a un grupo de aspirantes que achegaron documentación das súas licenciaturas, experiencia profesional en diversos medios e, nalgúns casos, máster e doutoramento.
A pesar diso, o xefe de prensa do PP foi valorado con 12,35 puntos fronte ao 0,5 que recibiu, polo seu currículo, unha xornalista con experiencia en medios de comunicación e nunha consultoría, licenciatura, doutoramento e máster. Cando esta pediu explicacións sobre a súa nota na Deputación, contestáronlle que "o que puntuaba era o bacharelato e os meses de paro e non os extras" da súa formación académica e profesional.
Baltar convocou a praza para acceder ao gabinete de prensa da Deputación ourensá en vésperas do Entroido e concedeu un prazo de sete días, a maioría festivos, para presentar a documentación. A pesar diso concorreron oito aspirantes. Nas bases quedaba claro que o perfil do destinatario adaptábase como un guante ao do xornalista do PP ourensán. "Estaban feitas á medida" do contratado do PP, sostén o portavoz do PSOE na corporación provincial, Alfredo García, quen recorda que "esta non é unha práctica illada" senón que se enmarca na política de convocatoria de emprego "pouco transparente" do presidente provincial.
Só catro dos oito candidatos chegaron á fase final, na que puntuaron os méritos (o bacharelato e os meses de paro) que só tiña o empregado do PP. O Colexio de Xornalistas de Galicia presentou un recurso contra a convocatoria e a posterior adxudicación da praza. Na súa opinión, Baltar incorreu en "fraude de lei" xa que para o posto que convocou "é necesario dirixir e coordinar actuacións específicas que fan necesario posuír unha titulación acorde". O colexio anuncia que interporá denuncia xudicial.

Ningún comentario: