venres, 7 de agosto de 2009

SANXENXO

Sanxenxo é o noso máis conspicuo fenómeno de gregarismo estival. A atracción magnética que exerce sobre a xente con pretensións é total e absoluta. A praia de Silgar, as terrazas nas que se practica un marujeo sen restricións (¡que é unha terraza se nela non se pode exercer o marujeo!) e as discotecas polas que se deixa ver un certo who?s who compón sen dúbida o conxunto arquitectónico máis efectista do verán. O adobo da muchachada madrileña, mesturada con líderes políticos autóctonos e foráneos e doutores en estado de levitación permanente dá o ton sobre un fondo de conversacións acerca de matrimonios, comida, diñeiro e iates, -o novo obxecto de distinción social, unha vez que os coches perderon o seu glamour-. A turbamulta que aquí se reúne fai de Sanxenxo un escaparate de primeira orde. É de supor que, como é fama nos palcos futbolísticos, ao fío das coincidencias pecharanse tamén algúns tratos e pediranse algúns favores. Galicia e España non serían o que son sen estas cousas.
Pero máis aló da alegre atmosfera das toallas na praia e os faladoiros en restaurantes e furanchos non deixa de estrañar o prestixio entre charramangueiros deste pobo de urbanismo apelmazado e de notorias incomodidades. Como chegou Sanxenxo aquí? Para atopar a resposta Internet é impagable. Esculcando pola rede se un busca as entradas do ítem "Sanxenxo" atopará unha sucesión interminable de anuncios de hoteis. Pero espigando aquí e alá poderá atopar documentos como o relatorio redactado por Antonio Castro Martínez e Victoriano Andrés Otero Igrexas para o XXII congreso de Xuíces para a Democracia titulado "O urbanismo nas Rías Baixas de Galicia. Sanxenxo como exemplo paradigmático". A tese dos autores é clara e podería predicarse tamén de moitos outros pobos do país: Sanxenxo desapareceu. O que queda del é un ectoplasma, un certo sabor no aire que só aqueles que coñeceron Sanxenxo antes da destrución poderán recoñecer.
Aínda que se trata dun relatorio para un congreso de xuristas é fácil recoñecer o ton de indignación ante a impunidade coa que infinidade de construcións ilegais foron premiadas. A historia desa impunidade detállase no texto pero tamén é posible recoñecer nel a dor polo xeito en que a beleza e a harmonía foi sacrificada a mans do interese duns poucos e o mal gusto dos máis. A que foi vila de pescadores, salpicada con edificios pertencentes a unha nobreza de segunda orde e que en ningún caso pasaban das dúas alturas ata 1960, foi tragada por un urbanismo de especuladores.
Esa especulación desmedida foi provocada por unha versión do desenvolvismo español. Sanxenxo foi o primeiro pobo galego que, xa nos anos sesenta, celebrou o "Día do turista" e o que veu despois non é senón o produto combinado do que os autores chaman o efecto Benidorm e o modelo Marbella -a conxunción do boom inmobiliario e agresivas campañas publicitarias-. Transcribamos esta escena, digna dunha película de Berlanga e non diferente doutras que podemos ler hoxe na prensa. Ao final, e máis aló da maquillaxe de modernos co que disimulamos fállalas, aínda non saímos de Paco Martínez Soria.
"Recentemente renovada a corporación municipal de 1973 enviouse ao Levante unha Comisión Corporativa composta por tres concelleiros e un funcionario, para que percorresen os pobos máis representativos do turismo, falasen cos seus alcaldes e trouxesen a Sanxenxo as súas conclusións. Púxose a disposición dos comisionados un taxi da localidade que os trasladou de pobo en pobo. A conclusión que os edís sacaron da turística viaxe é que en Sanxenxo nunca se podería alcanzar o benestar levantino mentres non se construísen grandes edificacións para apartamentos e hoteis, así como paseos marítimos. Está claro, a partir de aí... ao choio. Naquela época non había nin dez hoteis. En 1989 pasaban xa de cincuenta e hoxe son máis de 150".
En realidade, logo de ler narracións como esta e pensando no que podería reservarlle o futuro inmediato a outras zonas da nosa costa habemos de darlle grazas a deus ou a quen sexa polo mal tempo que adoita acompañarnos. Tamén, naturalmente, ás hipotecas subprime e aos ninjas que causaron o parón inmobiliario. Sen eses factores de disuasión a nosa costa sería esquilmada ata o último centímetro a cargo dos máis brutos entre os nosos paisanos. Veremos o goberno de Núñez Feijóo que fai a este respecto. Pero non é, desde logo, moi tranquilizador ter entre os seus candidatos a Telmo Martín. Non se se a segunda modernización que promete o novo Presidente incluirá un modelo turístico sostible ou se volveremos ás andadas. Pero é de temer o peor.
Antón Baam0nde

1 comentario:

Vanessa dixo...

La verdad es que sanxenxo está tan masificado que apenas queda nada de aquel pueblo en el que me crié desde enana :( es una pena).

De hehco yo estuve haciendo dos noches allí por un tema de viaje, pero mis vacaciones en sanxenxo son cuando llega noviembre, cuando sí puedes sentirte en el pueblo en sí, no en la marabunta tan asqueante de turistas.

Es ley de vida pero a mi personalmente me desilusiona ver el sanxenxo de ahora, genial para los que sacan tajada y para el turismo, pero no para mi que soy una nostálgica empedernida