
A Audiencia Provincial da Coruña ordenou que se impute de novo ao ex director xeneral da Mariña Mercante José Luís López-Sors, ao que considera responsable da decisión tomada polo Ministerio de Fomento en 2002 de afastar o Prestige da costa galega cando empezaba a perder fuel.
O tribunal coruñés botou por terra o auto da xuíz de Corcubión, Carmen Veiras, encargada do sumario, quen retirara a acusación contra López -Sors por considerar que actuou de forma "razoable e prudente" cando se negou a dar refuxio en porto ao petroleiro grego, o 13 de novembro de 2002, despois de que este sufrise unha vía de auga fronte á costa de Finisterre.
A decisión da Audiencia abre de novo a porta a esixir responsabilidades ao Estado español pola enorme marea negra que seguiu ao afundimento do petroleiro tras seis días de periplo polo Atlántico. O auto da Audiencia desmonta con contundencia os argumentos da xuíz de Corcubión, á que reprocha que acuse de "prudente e razoable" unha decisión -a de afastar o buque da costa- que logo se revelou un "erro clamoroso".
O tribunal ordena que López-Sors sexa xulgado por "responsabilidade criminal con imprudencia grave" xunto aos outros tres imputados, o capitán, Apostolos Mangouras, e dous oficiais, un de nacionalidade grega e outro filipina. A imputación do ex director xeneral atende varios recursos presentados por acusacións particulares, entre elas as de Nunca Máis, Esquerda Unida e varios colectivos afectados pola vertedura de petroleiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario