sábado, 20 de marzo de 2010

VIGO A CIDADE QUE SE PERDEU

Se Vigo fose Manhattan, nós non seriamos galegos.

O historiador de arte e polifacético F. Javier Sánchez Cantón, director da Real Academia de Historia, da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, do Museo de Pontevedra e do Museo do Prado nas súas diversas etapas, propuxo en 1945 como monumentos histórico-artísticos de Vigo, e así se aprobaron no Decreto 8 de febreiro de 1946, os cinco seguintes conxuntos: a Colexiata, os soportais da praza da Constitución, a casa que fai esquina coa rúa Triunfo, as dúas casas da praza de Almeida e a rúa Real (hoxe bens de interese cultural, do mesmo xeito que o castelo do Castro e o que lamentablemente queda do de San Sebastián). E no que se refire ao barrio de pescadores, afirmaba en xaneiro de 1945: «Renuncia o relator a formular opinión acerca da ribeira do Berbés, tales son os desaforamentos cometidos nela que destruíron un dos barrios españois máis pintorescos; hoxe só estase a tempo de pedir que o Concello impida que a iniciativa privada converta en mero e vago recordo o poquísimo que aínda permanece».
Se cando expresou isto, aínda se conservaba un 60% da súa parte antiga, xa podemos imaxinarnos que pensaría na actualidade cando apenas chega a un 20%.
Non só o Concello non fixo nada por conservar o que aínda quedaba, permitindo novas construcións totalmente diferentes ao existente e con máis alturas, senón que á maioría do pobo de Vigo non lle importaba nada a súa conservación, porque sempre se avergoñou do seu pasado, por ser pobre, e só aspiraba e aspira ao novo. Desta forma estivemos borrando a nosa historia, cando debía de enchernos de orgullo.
Jaime Garrido

Ningún comentario: