luns, 19 de abril de 2010

O PLAN DE ORDENACIÓN DO LITORAL É ILEGAL SEGUNDO EXPERTOS URBANÍSTICOS

“É contrario a dereito e segue permitindo crear solos urbanizables só 
por razóns especulativas”

“O Plan de Ordenación do Litoral (POL) tivo certas equivocacións, xa que acaba por ordenar usos pormenorizados e adaptados e priva de dereitos adquiridos a moitos cidadáns”, di Daniel Pino, sociólogo urbanista e un dos autores do informe Apuntamentos sobre a problemática da ordenación do territorio en Galiza, elaborado polo Instituto de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA). Foi cauto nun principio, pero non dubidou máis tarde en falar de “erros de vulto” no POL que atribúe ás “présas políticas” na aprobación dunha normativa que contou co apoio do PP, a abstención do PSdeG e a negativa do BNG. “É un deficientísimo traballo de recoñecemento territorial, non pode ser que haxa 9.000 casas afectadas en Cangas”, insistiu Pino o pasado venres antes da presentación do estudo.
Así, todos os autores do informe foron críticos e insistiron en solicitar consenso ás forzas políticas, tanto para fixar “unhas directrices básicas para a ordenación do territorio” en Galicia como arredor do polémico POL. “Unha amnistía aprobada polo 51% do Parlamento é máis berlusconiana que outra cousa”, chegaron a dicir os expertos.
Enrique Sánchez Goyanes, un dos maiores expertos de España en Dereito Urbanístico, colaborador na elaboración de numerosos plans de ordenación territorial e coautor do devandito estudo, únese ás críticas dos “apaños” continuos aos que está sometido o urbanismo en Galicia, pero vai máis aló en canto ao POL.
Cualifícao de ilegal. En declaracións a Xornal, asegura que é “claramente contrario a dereito” e arguméntao con datos e exemplos que se desenvolven con maior profundidade na entrevista que acompaña esta información.
Así, lembra como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou o Plan de Urbanismo de Gondomar por carecer dun estudo económico-financeiro. “Se aplicamos isto ao POL, que é un plan que pretende privar dos dereitos adquiridos a moitos cidadáns e entidades que tiñan solo urbano, consolidado e ata casas en ámbitos que quedan afectados polo plan, habería que dicir como se vai indemnizar a todos os afectados”, recorda, antes de advertir de que os tribunais xa anularon plans en Canarias por non contemplar esas indemnizacións.
Sánchez Goyanes denuncia, ademais, que o POL, “que pretendía adaptarse aos cambios na lei estatal, non se adaptou”. “A estratexia territorial europea, a estratexia española de medioambiente urbano e a Lei do Solo do Estado aclaran que só se pode crear solo urbanizable novo se é demandado por necesidades obxectivas como vivendas, universidades ou polígonos industrais; no entanto, a lei galega continúa permitindo crear solos urbanizables só por razóns especulativas, sen máis motivo e sen necesidades obxectivas”, di.
Sánchez Goyanes non dubida en cualificar como “máis coherente” a anterior lei dos 500 metros do bipartito por “adaptarse á Lei de Costas española” e insiste en que aplicar os preceptos e a doutrina que marca o TSXG en materia de protección do litoral sería suficiente para salvar a costa. O experto lembra tamén que outras comunidades como Asturias ou Cantabria fixeron moito antes os deberes para ordenar a costa. En Galicia, no entanto, o “ti vai facendo” segue sendo a lei.

Ningún comentario: